A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou en Madrid no primeiro congreso nacional sobre este ámbito organizado por AneaCamp

A Xunta destaca a aposta de Galicia polo ocio educativo e o tempo libre durante todo o ano a través da campaña de verán, Primavera Xove ou o Outono Xove

Coa pasada programación estival puxéronse a disposición das mozas e mozas máis de 10.800 prazas en campamentos, campos de voluntariado e minicampamentos; e promoveuse a empregabiliade de case 1400 directores e monitores

En Galicia, as escolas de tempo libre forman cada ano a máis de 1.100 persoas cos cursos de monitor e director de actividades de educación no tempo libre, así como de director de campos de voluntariado
 

Madrid, 27 de xaneiro de 2023.-

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe a aposta do Goberno galego polo ocio educativo e o tempo libre durante todo o ano, a través da campaña de verán ou de programas como Primavera Xove e Outono Xove. Fíxoo no I Congreso Nacional de Ocio e Tempo Libre organizado pola Asociación Nacional de Empresas de Actividades e Campamentos (AneaCamp).

 

Nunha mesa redonda na que participaron responsables de Xuventude doutros Executivos autonómicos, Cristina Pichel sinalou que a última campaña de verán da Xunta foi a maior da historia, cun investimento de case 4,5 millóns de euros. A través desta campaña puxéronse a disposición de mozas e mozos de entre 9 e 30 anos máis de 10.800 prazas entre campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e intercambios con outras comunidades. Ademais, esta programación estival da Xunta promoveu a empregabilidade de case 1400 directores e monitores de ocio e tempo libre.

 

Así mesmo, Cristina Pichel referiuse a outras iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para que a oferta de ocio e tempo libre dirixida á xuventude sexa unha realidade durante todo o ano, e non estea limitada á época estival. Neste sentido, apuntou o éxito de programas como Primavera Xove e Outono Xove. Por último, a directora xeral tamén lembrou que as escolas de tempo libre forman en Galicia a máis de 1.100 persoas cada ano cos cursos de monitor e director de actividades de educación no tempo libre, así como de director de campos de voluntariado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2023