A conselleira do Mar visitou a lonxa de Arcade para comprobar os resultados das obras de mellora desta infraestrutura

A Xunta anima ao sector marítimo-pesqueiro a presentar proxectos e solicitar axudas para a modernización de portos e lonxas

O Goberno galego destina 4,6 millóns de euros á convocatoria de 2023 destas achegas que permitirán desenvolver iniciativas para facilitar o labor dos profesionais do mar e impulsar a competitividade do sector

O proxecto de acondicionamento da lonxa de Arcade é un dos máis de 20 da provincia de Pontevedra que recibiron un apoio total de preto de 2 millóns de euros no marco da convocatoria do ano pasado destas subvencións

Soutomaior (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2023 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Arcade para comprobar os resultados das obras de mellora realizadas ao abeiro das axudas autonómicas para a modernización dos portos, lonxas e establecementos de primeira venda. Alí animou ao sector marítimo-pesqueiro a presentar proxectos e solicitar os apoios para este fin ao abeiro da convocatoria deste ano, publicada no Diario Oficial de Galicia hai uns días, e que permanece aberta ata o 13 de febreiro.

O proxecto de acondicionamento desta infraestrutura é parte das máis de 20 iniciativas da provincia de Pontevedra que recibiron un apoio total da Xunta de preto de 2 millóns de euros no marco da convocatoria de 2022 destas axudas. En total o ano pasado o Goberno galego aprobou case 50 proxectos deste tipo que contaron cun valor de chega de máis de 4,3 millóns de euros.

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, especificou que á convocatoria deste ano o Goberno galego destina 4,6 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Ademais engadiu que estas subvencións teñen como obxectivo impulsar a mellora constante das instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar, a competitividade do sector e a súa rendibilidade.

De feito, destas axudas poden beneficiarse as confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores pesqueiros (OPP), cooperativas e asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras. Tamén poderán acceder ás achegas as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal.

No caso da lonxa de Arcade, as melloras realizadas contaron cunha axuda da Xunta de preto de 54.000 euros e o proxecto aprobado, denominado Adapta, consistiu na reparación do tellado e do cadro eléctrico e no acondicionamento das paredes. Tamén se adaptaron os chans e o pavimento da sala de poxas, ampliouse o portalón e realizouse unha nova rampla de acceso. Ademais desenvolvéronse actuacións sobre piscinas de estabulación, mellorouse a carpintería e rehabilitáronse os departamentos administrativos da confraría. 

Outro investimento realizado nesta lonxa foi a adquisición dun novo remolque, que na confraría de Arcade utilizan como carro varadoiro, e que contou cun apoio da Xunta de 4.650 euros. Este equipamento beneficia ás máis de 70 embarcacións da frota da confraría de Arcade e facilita as súas condicións de traballo, pois permite sacalas da auga pola rampla do peirao para o seu mantemento.

Accións subvencionables

Rosa Quintana explicou que dentro destes apoios son subvencionables, entre outras, actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente e da seguridade así como das condicións de traballo das persoas pescadoras. Tamén se financian iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.

A conselleira explicou que son convocatorias vivas que van sumando novos investimentos cada ano para adaptarse ás necesidades do sector, o que permite que este ano sexan obxecto de apoio novas iniciativas en materia de protección do medio ambiente e para reducir a pegada de carbono.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023