Artesanía de Galicia participa en Murcia na reunión do Observatorio Nacional da Artesanía

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu a unha nova reunión deste foro impulsado por Fundesarte, do que forman parte as administracións públicas de toda España e no que as principais liñas de debate foron a comercialización e a internacionalización da artesanía

Murcia, 31 de xaneiro de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá nunha nova reunión do Observatorio da Artesanía, un foro de encontro impulsado por Fundesarte, no que participan as administracións públicas das diferentes Comunidades Autónomas, así como a Organización de Artesanos de España (OAE).

Durante a reunión, mantívose unha mesa redonda sobre comercialización e internacionalización coa participación de diferentes empresas artesás da Rexión de Murcia e debatéronse tamén cuestións vinculadas á actualidade da artesanía nas diferentes comunidades autónomas.

Fundesarte forma parte da Fundación EOI (Escola de Organización Industrial). Trátase da organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas, centrada en potenciar, poñer en valor e comunicar a calidade do produto artesán e a sustentabilidade dos seus procesos de elaboración.

Fundesarte é tamén a entidade que cada ano convoca os Premios Nacionais de Artesanía e a que coordina a participación das diferentes Comunidades Autónomas en proxectos de carácter internacional como é o caso dos Días Europeos da Artesanía ou de Crafts Code, nos que participa Artesanía de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023