A conselleira do Mar participou na sinatura do Regulamento da Comisión de Benestar do Porto de Vigo, da que foi nomeada presidenta de honra

A Xunta destaca o Porto de Vigo como exemplo de responsabilidade social e de atención á xente do mar

A Comisión de Benestar deste peirao é unha iniciativa pioneira en Galicia que ten como fin principal mellorar a calidade de vida das persoas que traballan e visitan o porto de Vigo, apostando pola unión de sinerxías entre entidades públicas e privadas

Forma parte da estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth, unha filosofía da política marítima europea que na comunidade galega lidera este porto co obxectivo de que sirva de modelo para outros

Vigo, 1 de febreiro de 2023 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo como exemplo de responsabilidade social ao porto de Vigo ao apostar pola creación dunha Comisión de Benestar Portuaria que vele pola convivencia e o diálogo na comunidade marítima. Así o manifestou durante o acto de sinatura do Regulamento de dita Comisión, presidida pola Autoridade Portuaria de Vigo, promovida pola organización Stella Maris e da que a titular de Mar foi nomeada presidenta de honra.

Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia que, tal e como destacou a responsable autonómica, volve situar á cidade na vangarda da actividade portuaria polo que quixo agradecer á Autoridade Portuaria o impulso deste proxecto comunitario. O seu obxectivo principal pasa por mellorar a calidade de vida das persoas que traballan e visitan o porto de Vigo, apostando pola unión de sinerxías entre entidades públicas e privadas como mellor sistema de participación para a detección de carencias e a busca de solucións.

Estas institucións que interactúan co porto únense nesta Comisión para fomentar a preocupación polo factor humano e expoñer e debater os posibles problemas de índole social que poidan presentarse na actividade marítima e buscar solucións. Tamén ten entre os seus fins vixiar que se presten servizos de benestar adecuados para a xente do mar e verificar que as instalacións existentes sigan sendo axeitadas, entre outros obxectivos.

“Temos unha preocupación común que é a de achegar a importancia do porto á nosa sociedade, que convive coa súa actividade e á que debemos garantir o seu benestar”, salientou Rosa Quintana. Ao mesmo tempo, remarcou que a actividade portuaria constitúe unha infraestrutura loxística prioritaria para o desenvolvemento das localidades nas que se asenta e que debe estar sempre á vangarda no coidado das mercadorías e das persoas.

Nesta liña, a titular de Mar sinalou que a Comisión de Benestar Portuaria “é un foro de comunicación interna e de colaboración externa co que influír de xeito positivo na contorna, co obxectivo de construír unha potente estrutura coa que estimular a confianza de toda a comunidade”. Isto, engadiu, converte ao porto de Vigo nunha figura que promove as relacións entre o peirao e a cidade, “apuntando á convivencia e diálogo entre os grupos de interese”.

Esta iniciativa forma parte da estratexia de Crecemento Azul ou Blue Growth, unha filosofía da política marítima europea que en Galicia lidera este porto co obxectivo de que sirva de modelo para outros. Esta ferramenta recoñece a importancia do mar como motor da economía europea polo seu gran potencial innovador e de crecemento, apoia o crecemento sustentable do emprego e da riqueza vencellada a el e contribúe a mellorar as condicións de traballo e de futuro das persoas que viven do mar.

Así, froito desta estratexia naceron proxectos como a Lonxa 4.0, estreada recentemente e que constitúe a primeira gran rula de Europa en funcionar con enerxías renovables con almacenamento, o que permitirá optimizar o balance enerxético do edificio e reducir o seu consumo anual.

Membros

Ademais da Consellería do Mar, as entidades que participaron hoxe na sinatura do regulamento da Comisión de Benestar son a Autoridade Portuaria de Vigo, que exerce a presidencia da Comisión; Stella Maris, promotora da iniciativa; Capitanía Marítima, Salvamento Marítimo e o Instituto Social da Mariña de Vigo; o Hospital Álvaro Cunqueiro, Cruz Vermella Galicia, a International Transport Workers Federation, ARVI, a Cofradía de Pescadores de San Francisco, a Asociación de Empresas Consignatarias e Estibadoras de Buques da provincia de Pontevedra, a Corporación de Prácticos del Puerto y Ría de Vigo, SLP e a ONG Accem. A eles poden unirse outras entidades nun futuro pois esta comisión é un ente vivo e contará co apoio das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/02/2023