A Xunta inviste 224.000 euros en distintas melloras no porto de Laxe para facilitar a actividade dos usuarios

Unha destas actuacións é a rehabilitación de fachadas e estrutura da nave de departamentos que se está a executar por importe de arredor de 90.000 euros

Laxe (A Coruña), 5 de febreiro de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 224.000 euros en distintas melloras no porto de Laxe para facilitar a actividade dos seus usuarios. Unha delas é a obra de acondicionamento da nave de departamentos que está en execución e que esta semana supervisou a presidenta do ente público, Susana Lenguas.

A actuación contempla a rehabilitación de fachadas e aspectos concretos da estrutura co obxectivo de optimizar as condicións do edificio. Con estas obras, nas que se investirán  arredor 90.000 euros, o ente público contribúe á mellora das instalacións portuarias e á súa integración na contorna.

Ademais, Portos de Galicia ten outras actuacións de relevancia neste porto como a colocación de seis escaleiras acompañadas de defensas laterais que se está a executar para mellorar as condicións de amarre e acceso ás embarcacións dos usuarios. Unha actuación que conta cun investimento de 31.000 euros.

A maiores, inspeccionaranse e renovaranse 43 luminarias deste peirao e dotaranse da tecnoloxía necesaria para permitir o seu control telemático, o que supón un investimento de 103.000 euros. Isto enmárcase no contrato global de dotación de tecnoloxía LED en diversas dársenas de todo o litoral galego que está en fase final de tramitación.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 05/02/2023