A Xunta destaca a súa colaboración coa Fundación da Catedral de Santiago para a reparación do patrimonio en madeira do templo compostelán
As actuacións permitiron restaurar o baldaquino, na capela maior; así como os xugos de carballo das campás A Maior e A Prima Salomé, na Torre das Campás; ademais de intervir nas capelas absidiais da cabeceira do templo e na Corticela
José González destacou, neste contexto, o traballo do CIS-Madeira no sentido de “aportar o seu coñecemento e a súa diagnose, tanto neste edificio que nos identifica a todos os galegos como noutros eidos nos que se está traballando”
Sinalou que a Xunta de Galicia aposta claramente pola construción en madeira e polo traballo destas características, tanto no que se refire á recuperación como noutras solucións construtivas
O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor a colaboración entre a Xunta e a Fundación da Catedral de Santiago en materia de investigación e innovación para reparar todo aquel patrimonio estrutural en madeira existente no templo que así o precise.
O conselleiro coñeceu de primeira man as actuacións de recuperación e conservación realizadas ao abeiro do convenio asinado en 2018 para esta finalidade entre o Goberno galego -a través da Axencia Galega da Industria Forestal e o CIS-Madeira- e a devandita fundación, e posteriormente clausurará a xornada de presentación das intervencións levadas a cabo.
Promoción pública
Nesta liña, o programa de promoción para o uso da madeira en construción comeza desde a propia promoción pública, con acordos de colaboración entre Medio Rural, o Servizo Galego de Saúde ou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o impulso da madeira nos novos centros sanitario-asistenciais ou nos procesos de rehabilitación. Ademais, Medio Rural traballa xa para executar a construción das novas bases de unidades operativas (denominadas BUO) do dispositivo de extinción de incendios forestais de Galicia, que se construirán enteiramente en madeira e de xeito maioritario coa procedente dos bosques galegos.