A Xunta convoca o curso selectivo para preto dun cento de aspirantes a policías locais

Desenvólvese en réxime de internado na Academia Galega de Seguridade Pública e inclúe prácticas nos respectivos concellos

O obxectivo é proporcionar a competencia e capacidade necesarias para o desempeño da actividade profesional

A Estrada (Pontevedra), 6 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de policía, na escala básica dos corpos de policía local, correspondente á decimo quinta promoción. A acción formativa desenvolverase na Academia Galega de Seguridade pública (Agasp) do 3 de marzo ao 12 de decembro coa participación de case un cento de aspirantes. Inclúe ademais un período de prácticas de xuño a setembro, nos concellos de procedencia do alumnado.

 

O obxectivo é dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, e facilitarlles a competencia e capacidade necesarias para o desempeño da súa actividade profesional.

 

Así, nas sesións, que se impartirán mañá e tarde en réxime de internado, abordaranse os módulos xurídico, operativo, asistencial, técnico, social-humanístico e de formación física, así como de policía de tráfico, administrativa, e xudicial e de investigación. A duración do curso é de 1.400 horas lectivas, 900 delas na Agasp e 500 de prácticas nos respectivos concellos.

 

A iniciativa diríxese ás persoas que superaron os procesos selectivos da categoría de policía nos diferentes concellos de Galicia para que, unha vez realizado, sexan nomeadas persoal funcionario en prácticas. As solicitudes de inscrición deben ser remitidas polas administracións locais a través dun escrito á Agasp para a reserva das correspondentes prazas.

 

Este novo alumnado tómalle así o relevo aos integrantes da décimo cuarta promoción, formada por 117 alumnos e alumnas que remataron a súa formación o pasado mes e que tomarán posesión o vindeiro día 14.

 

Cómpre engadir que o ano pasado 246 auxiliares de policía local superaron tamén na Academia algunha das seis edicións impartidas do curso selectivo obrigatorio para tomar posesión das súas prazas. Para ingresar nos corpos de policía local é necesario superar este curso de 850 horas como mínimo na AGASP. Deste xeito, neste primeiro trimestre de 2023 coincidirán na Academia xunto co alumnado da 15ª promoción de Policía Local as novas promocións de oficiais e inspectores.

 

Preto de 170.000 efectivos formados desde 1993

Na Academia Galega de Seguridade Pública formáronse no período 1993-2022 un total de 168.520 persoas. Desta cifra, 2.924 formaron parte das distintas promocións de Policía Local e das categorías de mandos. Por unha banda, 1.742 corresponden ás 14 promocións de Policía Local -834 alumnos- e ás 25 de gardas de Policía Local, con outros 908 integrantes. A eles súmanse outros 492 axentes formados nas promocións das categorías de mandos: 272 nas 18 promocións de mandos (sarxentos, cabos e suboficiais) e os 219 restantes das sete promocións de inspector de Policía Local, das oito de oficial e das tres de intendente. 

 
Á marxe dos case 3.000 efectivos das promocións anteriores, outros 165.326 alumnos corresponden a membros das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade que participaron nestes anos nos milleiros de cursos incluídos nos plans de formación continua da Academia, co obxectivo de actualizar os seus coñecementos.

Data de actualización: 06/02/2023