Xunta e Concello de Boimorto presentan as obras de reforma do centro de saúde desta localidade

O delegado territorial da Xunta na Coruña e a xerente da área sanitaria explicaron coa alcaldesa as obras previstas na cuberta, na sala de espera, na área de pediatría e no acceso do centro

As actuacións teñen un orzamento de case 50.000 euros e son froito dun convenio entre Xunta e o concello de Boimorto ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 110 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Boimorto (A Coruña), 7 de febreiro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, acompañados pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, presentaron as obras de reforma do centro de saúde de Boimorto. As obras comezaran neste mes de febreiro

 

O orzamento previsto é de case 50.000 euros e é froito dun convenio entre Xunta e Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello será o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

 

As obras consistirán na renovación da tella da cuberta, na reforma da sala de espera, da zona de pediatría e da sala de persoal, tamén levarase a cabo a creación dun tabique divisorio para independizar as caldeiras do centro de saúde e do centro de maiores e a ampliación da rampla de acceso ao centro.

 

Este centro de saúde xa fora obxecto doutras obras no ano 2018 tamén a través de convenio de colaboración e nas que se investiron un total de case 40.000 euros para a mellora da estanqueidade, accesibilidade e seguridade do centro de saúde.

 

Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

 

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Boimorto recibiu no 2022 a cantidade de 7.271 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

 

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 108 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, A Coruña (Novo Mesoiro), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Buño-Malpica, Santiago (Galeras), Arteixo (Villarodis), Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro, Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Ferrol-Serantes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira, Mugardos e Bertamiráns.

 

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Así durante esta lexislatura, a Xunta achegou 1,2 M€ para 35 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco, Cee, Monfero e A Pobra do Caramiñal.

 

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de A Coruña, prevé construír 10 novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo, A Coruña (Santa Lucía), Teo, Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, Ferrol e Fene e reformar e ampliar os centros de saúde de Santiago (Conxo), o de Culleredo e o de Carballo para transformalo en Centro Integral de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2023