A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe esta actuación, que se suma ás xa acometidas nas parroquias de Tomonde, Neira, San Mamede e Santa Cruz de Ribadulla, acadando un investimento global de 2,3 M€

Ethel Vázquez salienta que as obras que dotarán de saneamento 5 novos núcleos de Vedra están executadas ao 20% e rematarán en xuño, cun investimento de 1,3 M€

Vázquez Mourelle subliña que esta actuación solucionará o tratamento das augas residuais para as vivendas de Outeiro, A Lagoa, Sete, Angustín e Agrelo, que actualmente verten directamente á cuneta


Estase a executar unha rede separativa que recollerá as augas fecais, levándoas á depuradora de Neira, que foi preparada para dar servizo a máis poboación

Execútanse máis de 5 km de colectores de gravidade, máis de 400 metros de impulsións e 194 pozos, estando neste momento instalados 1.200 metros de colector
 

Vedra (A Coruña), 8 de febreiro de 2023  A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o bo ritmo das obras de saneamento en 5 novos núcleos de Vedra, que xa están executadas ao 20% e rematarán en xuño, grazas a un investimento de 1,3 M€.

 

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou os traballos, iniciados a comezos de decembro e cun prazo de execución de 7 meses, que completan a mellora do saneamento das parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla.

 

A conselleira explicou que a actuación se suma ás intervencións da Xunta en anos anteriores para dotar de saneamento outras parroquias do municipio, realizadas en dúas fases: primeiro, nas parroquias de Tomonde e de Neira; e nunha 2ª fase actuando en distintos núcleos das de San Mamede e Santa Cruz de Ribadulla, cun investimento de máis de 1 M€.

 

Eses traballos centráronse na execución da rede colectores e dunha nova depuradora no núcleo de Neira que, nunha segunda fase, se dotou dun novo equipo de bombeo para incrementar a súa capacidade e permitir a incorporación da depuración de novos núcleos.

 

Ethel Vázquez salientou que coas intervencións que se están a acometer nestes momentos se completa o traballo xa feito, dando solución ao saneamento das vivendas doutros 5 núcleos destas dúas parroquias: Outeiro, A Lagoa, Sete, Angustín e Agrelo, que actualmente carecen de sistema de depuración e verten directamente á cuneta.

 

Para iso, precisou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, execútase unha rede separativa que recollerá as augas fecais, levándoas ata a depuradora de Neira que quedou preparada para que puidese asumir a depuración de máis poboación.

 

Así mesmo, amplíase a rede cun novo ramal para recoller as augas residuais de Agrelo, ademais dos tramos que conectan unhas vivendas de Rozadela e outras próximas ao campo de fútbol.

 

Concretou que para Outeiro e A Lagoa se prevé unha estación de bombeo que descargará nun pozo de rede xa existente.

 

A conselleira sinalou que a impulsión prevista levará as augas desde a estación de bombeo ata unha cámara de rotura de carga, desde a que un tramo de colector por gravidade descarga na rede actual. E vaise a adaptar, tamén, o bombeo de Neira ao novo caudal de augas que recibirá.

 

En total, precisou, está previsto executar máis de 5 km de colectores de gravidade, máis de 400 metros de impulsións e 194 pozos.

 

Fixo fincapé no bo ritmo do avance dos traballos, que están xa ao 20% da súa execución, con 1.200 metros de colector instalados, dos algo máis de 5.000 necesarios.

 

Dese xeito, segundo dixo, entre as tres fases de mellora do saneamento de Vedra executadas pola Xunta, construiranse 12 quilómetros de rede de colectores para dar servizo nun futuro a 700 habitantes.

 

A conselleira apuntou o obxectivo de que este mesmo verán, a finais de xuño, estea completado o saneamento destas 2 parroquias de Vedra, dotando os veciños destes 5 núcleos dun sistema para o correcto tratamento das augas residuais, logo de 1,3 M€ de investimento. Este orzamento, engadiu, sumado ao das dúas fases anteriores, eleva a un total de 2,3 M€  os recursos destinados á mellora do saneamento destes pequenos núcleos rurais.

 

Ethel Vázquez puxo en valor a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Vedra, que redunda en beneficio dos veciños. Destacou que a administración local asumiu nesta actuación a posta á disposición dos terreos e cofinancia o 20% das obras, achegando a Xunta o 80% do investimento restante, algo máis de 1 M€.

 

Estas actuacións contan con financiamento comunitario dos fondos FEADER correspondente ao programa de Desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

 

Ethel Vázquez puxo en valor esta intervención da Xunta no marco da súa aposta por acompañar e apoiar aos concellos máis pequenos nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023