A Xunta incorporou xa a dous novos médicos con praza fixa na quenda de tarde do centro de saúde de Moaña

As prazas foron adxudicadas a través do sistema de concurso de méritos sen oposición habilitado pola Xunta a través dunha habilitación legal e os profesionais incorporáronse o pasado martes

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou a adxudicación, neste mesmo mes, da obra de construción do novo centro de saúde de Moaña, lembrando que o goberno local tardou dous anos e medio en achegar a parcela
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023

“A Xunta incorporou xa a dous novos médicos con praza fixa na quenda de tarde do centro de saúde de Moaña”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta do Bloque Nacionalista Galego, sobre o servizo médico na casa do mar deste concello. 

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o titular da carteira sanitaria subliñou que os novos médicos xa se incorporaron o pasado martes, e que as prazas foron adxudicadas a través do sistema de concurso de méritos sen oposición, habilitado pola Xunta a través dunha habilitación legal. 

O conselleiro tamén anunciou que, este mesmo mes, se adxudicará a obra de construción do novo centro de saúde de Moaña, “coa que se duplicará a superficie das infraestruturas actuais”. Sobre este particular, lembrou que “o Goberno local tardou dous anos e medio en achegar a parcela, mentres que a Xunta vai resolver os seus trámites en seis meses” (licitación, adxudicación e supervisión do proxecto). “Moaña podería ter xa un novo PAC funcionando, se o seu goberno local fose igual de áxil que a Xunta”, -remarcou o conselleiro de Sanidade-.

 Comesaña incidiu en que todas estas modificacións lexislativas levadas a cabo pola Xunta, como é o caso da creación da categoría profesional que vai permitir compaxinar atención ordinaria e gardas nos PACs; ou a convocatoria destas prazas de médicos por concurso de méritos sen oposición, foron realizadas co voto en contra do grupo autor da pregunta que hoxe respostou no Parlamento o conselleiro de Sanidade. 

A realidade é que, grazas ás medidas postas en marcha polo Goberno galego para paliar a falta de médicos do primeiro nivel asistencial, “hoxe hai tres médicos máis con praza fixa no centro de saúde de Moaña, os dous de agora e outro profesional que se incorporou en novembro”.

 Sobre a prestación centralizada das urxencias no Punto de Atención Continuada de Cangas, o conselleiro remarcou que os profesionais de Moaña e Cangas están a dicir que prefiren estar xuntos no PAC de Cangas para dar mellor atención sanitaria á poboación Así mesmo, remarcou Comesaña, que a Xunta “acaba de dotar a este punto de atención continuada de servizo de radioloxía en quenda de tarde”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/02/2023