A Xunta incorpora unha nova rotonda nas obras de eliminación dun tramo de concentración de accidentes na PO-403 en Ponteareas para reforzar a seguridade viaria

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da introducción desta mellora, que non supón incremento orzamentario, nunha visita aos traballos, xunto á alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández

A nova glorieta sitúase no quilómetro 9+900 e viuse que era viable e tiña encaixe unha vez iniciadas as obras, xa con topografía real

Coa adopción desta medida aténdese unha solicitude veciñal, favorécese a realización de certos xiros aos usuarios e refórzase o calmado de tráfico

A actuación, que está previsto rematar en abril, completará a mellora da seguridade viaria na estrada de Salvaterra, no treito entre o enlace da A-52 e o fin da travesía de Angoares, na que se están a investir case 600.000 euros

Ponteareas (Pontevedra), 9 de febreiro de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, está a executar unha nova rotonda no marco das obras de eliminación dun tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-403, ao seu paso polo concello de Ponteareas, orientada a reforzar aínda máis a seguridade viaria na zona.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta mellora nas obras que se están a acometer na estrada que une a capital do Condado con Salvaterra do Miño nunha visita ao comezo dos traballos da nova glorieta, xunto á alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, outros representantes municipais e persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas. A nova rotonda está emprazada no punto quilométrico 9+900 da PO-403.

“Cando se redactou o proxecto adoptouse unha solución baseada na mellora da intersección con carrís de agarda e posteriormente, unha vez iniciadas as obras, xa sobre o terreo, viuse posible o encaixe desta rotonda que vimos de incorporar ao proxecto, atendendo así á solicitude que nos fixeron os veciños. Porque na Xunta sempre atendemos as demandas da xente cando son posibles e, neste caso, comprobouse que tiña encaixe topográfico e real sobre o terreo”, explicou o representante autonómico.

Luis López engadiu que esta mellora non suporá un incremento orzamentario da actuación, “substitúe a solución inicial, dá resposta ás peticións veciñais, permite a realización de certos xiros por parte dos usuarios con maior facilidade e ademais serve como medida para o calmado do tráfico nunha travesía moi transitada”.

Os traballos de construción da nova glorieta está previsto que queden rematados no mes de abril, finalizando por completo a intervención para a eliminación do treito de concentración de accidentes, despois dos movementos de terra necesarios, a creación dun muro de contención de grandes dimensións e a delimitación dun bordo no exterior desta contorna.

Esta intervención na estrada PO-403 en Ponteareas supón un investimento de case 600.000 euros por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para reforzar a seguridade viaria nun tramo de 1.600 metros de lonxitude. Enmárcase na Estratexia para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica que vén desenvolvendo a Xunta nos últimos anos.

A actuación supón a mellora das interseccións, incluíndo unha semiglorieta para cambios de sentido e unha rotonda de regulación do tráfico, o reforzo dos pasos de peóns, a ampliación das beirarrúas e a adopción doutras medidas de incremento da visibilidade, así como a reposición da sinalización, o firme e os servizos afectados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023