A Xunta confirma a oferta de convocar 413 prazas de persoal sanitario por concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura

Rueda clara que a convocatoria aprobarase tras completar os procesos de negociación sindical pertinentes, pero avanza que esta medida tivo “boa acollida” na Mesa Sectorial de Sanidade celebrada a mañá de onte

Concreta que serán 72 prazas de facultativo especialista en atención primaria, 59 prazas de pediatría de atención primaria, 109 de diferentes especialidades médicas nos hospitais comarcais e 173 de persoal sanitario nos programas iniciados ao abeiro do Plan de saúde mental

Destaca que “multiplica por catro” a anterior convocatoria que permitiu incorporar 100 facultativos de atención primaria

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, informou de que o Consello da Xunta deulle hoxe “carácter executivo” á proposta que se levou onte mesmo á Mesa Sectorial de Sanidade para convocar 413 prazas de persoal sanitario por concurso de méritos para cubrir postos de difícil cobertura.

Rueda explicou que, despois da “boa acollida” desta proposta na mesa Sectorial de Sanidade celebrada a mañá de onte, a intención da Xunta é ir “gañando tempo” para ir preparando esta convocatoria, co obxecto de que os residentes que acaban a súa formación en maio poidan presentarse a estas prazas. Deste xeito, aclarou que a convocatoria aprobarase tras completar os pertinentes procesos de negociación sindical, e unha vez recadadas as autorizacións dos órganos competentes en orzamentos e función pública.

“Había que facelo agora”, defendeu o mandatario galego sobre esta convocatoria, da que precisou que se trata da segunda destas características despois do “éxito importante” que tivo a de 2022, e que permitiu incorporar máis de 100 facultativos de atención primaria en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable. Ademais, puxo en valor o dato de que o “25 % foi persoal alleo dos sistema sanitario público galego, que veu doutras comunidades ou da medicina privada”.

O presidente subliñou que esta nova convocatoria “multiplica por catro” a anterior, xa que inclúe 72 prazas de facultativo especialista en atención primaria, 59 prazas de pediatría de atención primaria, 109 de diferentes especialidades médicas nos hospitais comarcais e 173 de persoal sanitario nos programas iniciados ao abeiro do Plan de Saúde Mental. Ademais, apuntou que, entre os requisitos dos seleccionados, está que terán que ocupar a praza asignada “mínimo dous anos.

“Trátase dunha medida importante que demostra que, dentro das nosas capacidades, facemos o necesario para cubrir o déficit ”, defendeu Rueda, quen argumentou que con esta convocatoria a Xunta está a dar tamén “argumentos dabondo para demandar ao Ministerio de Sanidad que faga o mesmo”, en referencia a necesidade de que convoque máis prazas MIR e a especialidade de Urxencias, que forman parte das súas competencias.

A oferta responde á comprobación das prazas vacantes existentes e das necesidades manifestadas polas direccións das distintas áreas sanitarias derivadas da falta de persoal dispoñible nas listaxes dos distritos correspondentes, así como da falta de solicitudes para ocupar as prazas, ben por OPE ou concurso de traslados así como por levar tempo vacantes.

Cómpre destacar que os maiores déficits nos cadros de persoal dos hospitais comarcais que poderán ser resoltos grazas a este proceso selectivo danse nas especialidades de medicina interna, traumatoloxía, pediatría ou radiodiagnóstico.

Así, entre as 109 prazas para cubrir vacantes nos hospitais comarcais inclúense 18 prazas de medicina interna, 12 de pediatría e as súas áreas específicas, 10 en cirurxía ortopédica e reanimación, 9 en obstetricia e xinecoloxía e outras 9 en cirurxía xeral e do aparello dixestivo, ou 8 de médico de urxencias hospitalarias, entre outras.

Entre as 173 prazas de persoal sanitario nos programas iniciados ao abeiro do Plan de saúde mental inclúense 42 de psiquiatría, 37 de psicoloxía clínica e 94 de enfermeiro especialista en saúde mental

Así mesmo, o persoal MIR destas especialidades que remate en maio poderá optar a estas prazas e ser persoal fixo neste mesmo ano. Terán que ocupar as prazas e estar en activo durante 2 anos. Transcorrido este tempo poderán moverse en concurso de traslados ao destino da súa elección coa vantaxe de que os servizos prestados nalgúns deste hospitais computarán o triplo da puntuación ordinaria.

Esta oferta tamén está dirixida a atraer o persoal médico e de enfermaría coa especialidade de saúde mental que obterán no mes de maio o seu título de especialista, e que poderán participar nestes procesos.

A convocatoria amplía a experiencia do primeiro concurso de méritos

Con esta convocatoria, o Goberno galego dá cumprimento á Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada en outubro de 2022 polo Parlamento de Galicia. Esta lexislación ampliou a exitosa experiencia do primeiro concurso de méritos convocado pola Xunta de Galicia en 2022, que logrou que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable.

A Lei 2/2022, do 6 de outubro, habilita o Servizo Galego de Saúde a que, durante un prazo de tres anos, desde a entrada en vigor da norma, proceda a convocar procesos selectivos específicos polo sistema de concurso co fin de impulsar a incorporación estable e permanente de persoal, -a súa primeira resolución está prevista para despois do verán-, aos postos de difícil cobertura dos seguintes colectivos:

a) Persoal facultativo especialista de diversas especialidades dos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.

b) Persoal da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria, creada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e pediatra de atención primaria.

c) O persoal facultativo especialista de área en psiquiatría e psicoloxía clínica e enfermeiro especialista de Saúde Mental necesario para o desenvolvemento do Plan de saúde mental de Galicia poscovid-19 (período 2020-2024), co obxecto de incrementar o número de programas no Sergas para a atención sanitaria aos trastornos mentais, con especial énfase nos destinados á atención á infancia e ás persoas maiores, ao incremento na cobertura dos programas de intervención comunitaria dirixidos a persoas con trastorno mental grave a través de programas de intervención comunitaria, así como á atención á saúde mental dos profesionais sanitarios.

Medida lexislativa para paliar o déficit de médicos e profesionais sanitarios

A necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade motivou que a Xunta de Galicia impulsara esta medida lexislativa, coa que pretende paliar en parte o déficit de médicos e profesionais sanitarios, unha situación que afecta todas as comunidades autónomas nestes momentos mentres continúa o incumprimento dos compromisos de reforma da lexislación estatal. Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde para tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón, mesmo tras solicitar expresamente a Xunta de Galicia que se incluíse na reforma do Estatuto Marco que o Goberno de España vén de remitir ás Cortes Xerais.

Do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2023