A Xunta pon á disposición dos centros educativos a nova guía DAFIS para fomentar a vida activa e saudable entre o alumnado

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes abriu hoxe a terceira edición das xornadas sobre o centro educativo como promotor de actividade física e saúde
 

O documento aborda o Proxecto de Vida Deportiva en centros escolares con información sobre o seu deseño, execución e avaliación
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abriu hoxe a terceira edición das xornadas sobre o centro educativo como promotor de actividade física e saúde, onde se abordou a importancia da plataforma de Datos de Actividade Física relacionada coa Saúde (DAFIS) impulsada pola Xunta no marco do Plan galego para o fomento da actividade física Galicia Saudable.

No encontro presentouse a nova guía DAFIS, unha ferramenta á disposición dos centros educativos para facilitarlles o fomento da vida activa e saudable entre o alumnado. O acto contou tamén coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, o do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Jesús Álvarez, así como do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
 
Segundo explicou Diego Calvo na xornada, que acolle máis dun cento de docentes, a guía ofrece valores de referencia para o control e a valoración da condición física na poboación escolar galega de seis a dezaseis anos. Búscase así facilitar o coñecemento dos aspectos que precisa mellorar o alumnado a prol da súa saúde.
 
Deste xeito, o documento aborda o Proxecto de Vida Deportiva (PVD) en centros escolares, programa enmarcado no Plan Proxecta de innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, con información sobre o seu deseño, execución e avaliación, onde DAFIS adquire un papel fundamental. Inclúe ademais por primeira vez a descrición e os valores normativos obtidos na plataforma grazas ao traballo do profesorado de Educación Física nesta última década. O contido da guía complétase con anexos nos que se describen as probas cardiorrespiratorias, musculares, motoras e de composición corporal, cos procedementos para realizalas e os seus valores normativos.

O vicepresidente segundo destacou o traballo conxunto de entidades e distintos departamentos da Xunta, con implicación das áreas competentes en deportes, educación e saúde, que fixo posible crear a plataforma DAFIS. Froito desta colaboración, na actualidade hai máis de 140 centros educativos adheridos e preto de 300 docentes formados sobre a plataforma, o que permitiu realizar case 46.500 avaliacións a preto de 26.000 nenos e nenas.

Cómpre sinalar tamén que DAFIS foi recoñecida a nivel nacional e internacional. Así, a Organización Mundial da Saúde (OMS) seleccionouna como boa práctica europea para o fomento da actividade física no ámbito escolar.

 Importancia da implicación docente

Nesta liña, Diego Calvo incidiu na importancia da unión entre educación e saúde a prol do benestar das novas xeracións, coa imprescindible implicación dos docentes. “Sodes os mellores aliados na loita contra o sedentarismo e a inactividade física que afecta á nosa sociedade”, apuntou.

Tras a apertura a cargo do vicepresidente segundo, a xornada continúa coa intervención do responsable da Oficina europea da OMS para a calidade en saúde, João Breda, centrada nas políticas europeas para a actividade física e a saúde na infancia e na adolescencia. Participa tamén Jonatan Ruiz, da Facultade de Ciencias do Deporte de Granada, para tratar os avances nos eidos investigador e científico desde unha perspectiva europea.
 
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, intervirá xunto co director da Cátedra Galicia Activa, Eliseo Iglesias, entidade encargada da xestión das valoracións realizadas ao alumnado para obter os valores normativos. Para o secretario xeral, DAFIS demostra a sensibilidade e a convicción de xestores e educadores na construción dunha Galicia activa e saudable. José Ramón Lete destacará DAFIS como unha ferramenta que non só é capaz de mellorar a condición saudable da nosa poboación senón que tamén sirve de guía en moitos outros territorios que se fixan nesta experiencia e resultados para mellorar os seus.

Data de actualización: 10/02/2023