A I Feira de Educación, Formación e Emprego organizada polo Pazo de Feiras e a Xunta abriu hoxe con case 40 expositores

Na cita están presentes 17 centros educativos públicos lucenses que amosan a ampla variedade de titulacións de Formación Profesional que se imparten na provincia e o potencial das ensinanzas artísticas e de idiomas  

Lugo, 23 de maio de 2024

A I Feria de Educación, Formación e Emprego de Lugo, organizada polo Pazo de Feiras e Congresos e coorganizada pola Xunta, abriu hoxe con preto de 40 expositores nos que os estudantes poderán atopar orientación para escoller o seu camiño formativo e laboral. Na cita están presentes 17 centros educativos públicos da provincia lucense. 

O delegado territorial, Javier Arias, participou na inauguración xunto co patrono da Fundación de Feiras e Exposicións e representante da Confederación de Empresarios de Lugo, Luis Abelleira – entre outras persoas -. Arias emprazou a alumnado, familias, centros e profesionais a achegarse a este espazo para “coñecer de primeira man o amplo abano de ciclos, másteres e titulacións de alta especialización de FP que se ofrecen na provincia de Lugo”, con altas taxas de inserción laboral. 

A Formación Profesional está moi presente na feira e os institutos aproveitan para explicar a variedade de familias profesionais que imparten e amosar os seus proxectos innovadores, como é o caso do simulador de coches de competición de Fórmula 3 deseñado no CIFP As Mercedes da cidade.

Arias tamén destacou a promoción das ensinanzas artísticas e de idiomas co fin de que “potenciais estudantes poidan coñecela e valorala como unha verdadeira opción de futuro”. Así, o público asistente terá ocasión de coñecer as disciplinas que imparten o Conservatorio Profesional de Danza, o Conservatorio de Música Xoán Montes, a Escola Oficial de Idiomas e a Escola de Artes e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Pola súa banda, Luis Abelleira apuntou que a primeira xornada “está sendo todo un éxito pola grande afluencia de xente –máis de 3500 persoas–, en concreto de estudantes, e polo alto nivel de interese que mostran nas iniciativas e alternativas formativas e profesionais que se están a presentar “. Incidiu no interese da feira en especial para a comunidade escolar e para as familias. 

Outras entidades, centros formativos e institucións que informan das opcións educativas con mellores saídas laborais son o Centro Superior de Hostalería de Galicia, Universidades, as Forzas Armadas, a  Fundación CEL, escolas – como AFN Escola de Pilotos - e colexios profesionais como o de Enxeñeiros Industriais ou o de Axentes Comerciais. Ao longo das dúas xornadas as entidades participantes impartirán charlas e sesións de orientación laboral para ofrecer asesoramento aos estudantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2024