O programa de ocio educativo ‘Día da Xuventude’ da Xunta chega a Sarria mañá

A xornada contará con xogos e con obradoiros de empregabilidade, de igualdade de xénero, de sensibilización medioambiental, de gastronomía saudable e de lecer educativo entre outros

Sarria (Lugo), 10 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia organizará mañá en Sarria o novo programa de lecer e educación non formal Día da Xuventude, que conta cunha ampla variedade de actividades, tanto de ocio como de formación, para a mocidade de toda a contorna.

 

Este novo programa, que terá a súa sexta parada na localidade lucense, comezará a súa programación ás 16:00 horas e prolongarase ata as 21:00 horas na zona recreativa do Chanto.

 

Durante toda a tarde haberá un gran abano de actividades gratuítas como xogos educativos de gastronomía, obradoiros medioambientais, habilidades de empregabilidade ou a actuación musical da Asociación Cultural Meigas e Trasgos ás 20.30 horas. Ademais diso, tamén contarán con información xuvenil e con postos de concienciación sobre a igualdade de xénero.

 

Toda esta programación non só achegará o ocio e a formación á xuventude galega —pois pasará por 30 localidades de todo o territorio—, senón tamén favorece á conciliación da vida familiar e laboral. Cómpre recordar que o Día da Xuventude ponse en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.

 
Data de actualización: 10/02/2023