A Xunta construirá no Concello de Barro un novo centro de saúde que duplicará a superficie do actual

O conselleiro de Sanidade e o alcalde de Barro asinaron hoxe o convenio polo que o concello se compromete a achegar unha parcela sobre a que a Xunta executaría un edificio de 800m2, que substituirá ao actual centro, de máis de 40 anos

O aumento de espazos fronte ao actual edificio permitirá habilitar unha área da muller coa consulta de matrona e crear unha consulta de enfermaría pediátrica e unha sala polivalente

Os orzamentos da Xunta para este ano contemplan 54 millóns de euros para investimentos en atención primaria, a maior contía dos últimos 20 anos

Pontevedra, 10 de febreiro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinaron esta mañá un convenio de colaboración, entre ambas administracións, para a construción dun novo centro de saúde nese concello. Na sinatura estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e polo xerente da área sanitaria, José Flores Arias.

 

No convenio, a Administración autonómica asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, mentres que o concello asume o de realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión da parcela, que contará con aproximadamente 600 m2, ademais de asumir a exención do IBI e a recoller a bonificación do 95% para obras de especial interese municipal e dar á obra do novo centro de saúde dita consideración.

 

O novo centro de saúde de Barro figura na fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, pero a celeridade do concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata, e a ausencia de propostas concretas doutros concellos con centros incluídos na Fase 1, como A Guarda, Cangas ou O Grove, teñen levado ao Goberno galego a priorizar a proposta do centro barrés, tendo en conta, ademais, que o actual centro de saúde, cunha antigüidade de 40 anos, conta con accesos non axeitados, instalacións moi anticuadas e unha evidente limitación de espazos.

 

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con catro consultas de adultos, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona, o que supón, con respecto ao centro actual, incrementar nunha sala polivalente, unha consulta de enfermería pediátrica e unha sala de xuntas para o persoal, así como habilitar unha área da muller cunha consulta de matrona. Este plan resultaría nun edificio duns 800 m2, máis que duplicando a superficie de 320 m2 do actual centro de saúde.

 

Infraestruturas de atención primaria na provincia de Pontevedra

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 110 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro que están en marcha (construción do CIS de Lugo e do CIS de Lalín, e reformas en Arnoia e O Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 13 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos, puxéronse en marcha novos centros de saúde como os da Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén, e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de construción do novo CIS de Lalín e a piques de finalizar as obras de reforma do centro de saúde do Porriño.

 

Para continuar con este esforzo, en 2021, o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que, no caso da provincia de Pontevedra, prevé a construción de trece novos centros de saúde e dúas reformas e ampliacións.

 

Así, a fase 0 do Plan contempla os novos centros de saúde de Vilagarcía, cuxo proxecto está en redacción; o de Soutomaior; o de Moaña, coa obra xa licitada; e o novo Centro Integral de Saúde de Vigo, coa obra xa adxudicada.

 

Na fase 1 contémplanse novos centros en Caldas de Reis, O Grove, Poio; dous Centros Integrais de Saúde en Cangas do Morrazo e A Guarda, e a reforma do centro de saúde de Moraña. Destes só existen avances en Moraña, onde xa se asinou o protocolo de colaboración co concello para que proceda aos cambios urbanísticos que permitirán executar a obra de ampliación.

 

Na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Meis (con convenio xa asinado), Mos (que se integrará nunha rehabilitación completa do antigo hospital psiquiátrico do Rebullón) e Ponteareas, así como a reforma do centro de saúde de O Rosal.

 

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos da Xunta de Galicia para este ano incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65%, ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021 que contaba co fondo extraordinario COVID.

Data de actualización: 10/02/2023