A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou hoxe nun coloquio con mozos e mentores que participan nesta iniciativa

A Xunta abre o prazo para participar na terceira edición do programa Xuventude Mentoring

Máis de 300 mozos de entre 18 e 30 anos participaron neste programa para formarse, asesorarse e lograr o seu primeiro contacto co mundo laboral

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de marzo na páxina web xuventudementoring.gal

Pontevedra, 10 de febreiro de 2023 A Xunta abriu hoxe o prazo para participar na terceira edición do programa Xuventude Mentoring que serve para asesorar, formar e impulsar á mocidade cara a inserción laboral. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo hoxe un coloquio en Pontevedra con mozos e mentores que participan desta iniciativa onde anunciou que a xuventude xa se pode inscribir nesta nova edición a través da páxina web xuventudementoring.gal.

A conselleira apuntou que esta nova edición contará con 250 prazas para mozos de entre 18 e 30 anos e manterase aberto o prazo de inscrición ata o 10 de marzo. O Goberno galego destinará este ano un orzamento de 500.000 euros para a súa posta en marcha. Este programa impulsado pola Xunta de Galicia, en colaboración co CIXUG e as tres universidades galegas, leva dous anos ofrecendo á xuventude un primeiro contacto coa súa área de coñecemento, con actividades formativas e visitas a empresas para que os mozos poidan crear a súa rede de contactos.

 

Fabiola García sinalou que neste tempo foron 300 os mozos que participaron nestas dúas edicións, 200 os mentores que se ofreceron a colaborar no asesoramento da mocidade e 20 as entidades colaboradoras no programa como os Clúster de Turismo Galicia, das TIC ou Tecnolóxico Empresarial. Así mesmo, afirmou que esta iniciativa é un apoio fundamental para a mocidade por darlle a seguridade e as ferramentas para pasar de estudantes a profesionais. Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nun 80%, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, para o período 2014-2020.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2023