O programa de ocio educativo ‘Día da Xuventude’ da Xunta chega mañá a Mugardos

A xornada contará con xogos e con obradoiros de empregabilidade, de igualdade de xénero, de sensibilización medioambiental, de gastronomía saudable e de lecer educativo entre outros

Mugardos (A Coruña), 11 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia organizará mañá en  Mugardos o novo programa de lecer e educación non formal Día da Xuventude, que conta cunha ampla variedade de actividades, tanto de ocio como de formación, para a mocidade de toda a contorna. 

Este novo programa, que terá a súa sétima parada na localidade coruñesa, comezará a súa programación ás 16:00 horas e prolongarase ata as 21:00 horas na praza do Mercado. Durante toda a tarde haberá un gran abano de actividades gratuítas como xogos educativos e show cooking con produtos locais e de tempada; obradoiros dinámicos sobre a protección do medio, o cambio climático ou a reciclaxe; taller de graffiti ou dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou a abordaxe dunha entrevista de traballo.  

Ademais, a xornada tamén contará con información xuvenil e con postos de concienciación sobre a igualdade de xénero. Así mesmo, ás 20:30 horas terá lugar a actuación musical de Willie & Winnie. 

Toda esta programación non só achegará o ocio e a formación á xuventude galega —pois pasará por 30 localidades de todo o territorio—, senón tamén favorece á conciliación da vida familiar e laboral. Cómpre recordar que o Día da Xuventude ponse en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.

 

Data de actualización: 11/02/2023