O conselleiro de Sanidade é nomeado membro de honra do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña

García Comesaña puxo en valor a implicación e o traballo que realizan a diario os profesionais da Odontoloxía no coidado da saúde bucodental da poboación galega

Rosa Quintana felicitou ao seu compañeiro de Goberno polo recoñecemento e salientou a aposta constante deste colectivo por prestar a mellor atención aos seus pacientes

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, foi nomeado esta tarde membro de honra do Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña no marco dos actos que celebra a entidade en honor á súa Patroa, Santa Apolonia.

Durante o acto, no que tamén participou a Conselleria do Mar, Rosa Quintana, o titular da carteira sanitaria da Xunta agradeceu esta distinción e puxo en valor a implicación e o traballo que realizan a diario os profesionais da Odontoloxía no coidado da saúde bucodental da poboación galega.

O conselleiro cualificou como fundamental o labor dos profesionais da Odontoloxía e gabou os 90 anos de historia do Colexio. Así, puxo en valor o feito de seguir a traballar en accións de formación continua, ademais do seu compromiso social coa creación da Clínica social ASSOECO.

Pola súa banda, a titular de Mar felicitou ao seu compañeiro de Goberno por un recoñecemento que ela tamén recibiu en 2017. Neste sentido, salientou o labor dos odontólogos e estomatólogos a prol dunha Galicia máis forte e próspera e incidiu en que se trata de profesionais cunha gran sensibilidade na súa vocación de prestar a mellor atención aos seus pacientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2023