O DOG publica a orde de axudas da Xunta para que entidades sociais poñan en marcha programas sociosanitarios no ámbito da saúde mental

Superan os 1,2 millóns de euros, cun incremento anual de case un 20 %. A contía se ten duplicado desde a aprobación do Plan de Saúde Mental de Galicia en 2020

O Executivo galego anticipará ás entidades beneficiarias o 100 % da subvención no momento da notificación da concesión

A convocatoria incorpora dúas novas tipoloxías respecto da realizada o ano anterior

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o procedemento para a concesión de subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, por un importe de 1.234.422 euros. A Xunta anticipará ás entidades beneficiarias o 100 % da subvención no momento de notificación da concesión.

A aprobación no ano 2020 do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid 2020-2024 supuxo o inicio da aprobación de convocatorias anuais de axudas para as entidades deste sector. Así, a convocatoria de 2020 contou cun crédito de máis de 517.000 euros, que aumentou ata superar os 860.000 € no ano 2021. Finalmente, no vixente ano 2022 esta orde repartiu axudas por importe de 1.041.274 euros, beneficiando a 59 programas.

A convocatoria de 2023 incrementa en 193.000 € as cifras da anterior convocatoria, o que representa incremento dun 20 % respecto da de 2022. A evolución ascendente destas axudas ten suposto máis que duplicar a súa contía desde a posta en marcha do Plan de Saúde Mental de Galicia.

Mediante esta orde de subvencións aglutínanse a maior parte das axudas do Servizo Galego de Saúde ao trastorno mental, financiando programas estratéxicos para avanzar na mellora da saúde mental da poboación galega.

O incremento máis notable de financiamento corresponde á liña de programas de prevención do suicidio, que pasa de ser de 400.000 euros fronte aos 100.000 da convocatoria anterior. O departamento sanitario galego considera necesario incidir nos programas de prevención e detección de risco de suicidio así como de sensibilización cidadán e de capacitación de profesionais neste eido, prestando maior atención aos colectivos máis vulnerables, menores e anciáns.

Ademais deste incremento antes sinalado, incorpóranse dúas tipoloxías de programas aos subvencionados na convocatoria anterior, os destinados á sensibilización e educación de familias, centros educativos, institucións e empresas para a promoción do uso seguro e responsable das tecnoloxías para a relación, a información e a comunicación; e os orientados á promoción do benestar, a atención ás dificultades e a prevención de situacións de desatención e soidade non desexada, particularmente no colectivo de persoas maiores, achegando recursos e servizos para previr, detectar e intervir ante estas situacións.

Esta incorporación de novas tipoloxías é consecuencia de que, no vindeiro ano, segue a ser necesario un apoio especial a todos os tipos de trastornos mentais incluídos os aditivos, que dean resposta ás necesidades das persoas con trastorno mental e adiccións, patoloxías que incrementaron a súa predominancia tras a pandemia da covid-19.

Actuacións subvencionadas

As actuacións subvencionadas no marco da Orde de axudas hoxe aprobada teñen unha enorme repercusión, posto que permiten desenvolver proxectos de obras de reforma para servizos de atención a persoas con trastornos mentais e/ou adictivos; e de obras de conservación de centros e servizos de atención a doentes con estes trastornos.

Tamén posibilitan a adquisición de subministracións, equipamento e vehículos que faciliten a prestación de servizos a estes pacientes; de atención domiciliaria a persoas con trastorno mental severo e aos seus achegados; e de apoio emocional aos que teñan un trastorno mental severo, coidadores e achegados.

Igualmente, permiten realizar actividades de prevención e promoción da saúde mental e os estilos de vida saudables dirixidos a persoas con trastorno mental e os seus coidadores; de redución do estigma da enfermidade mental; de información, orientación e asesoramento sobre saúde mental en recursos especializados; de protección da saúde mental infantil; ou de capacitación do voluntariado dirixidos a quen padeza un trastorno mental severo.

Asemade, posibilitan proxectos de formación de profesionais de entidades de iniciativa social orientados a mellorar a capacitación na detección de persoas en risco de presentar un trastorno mental; de apoio psicosocial aos que padecen trastorno de personalidade e os seus achegados; e, ademais, de trastornos da conduta alimentaria.

Xunto ao anterior, as actividades subvencionadas posibilitan programas sociosanitarios de rehabilitación de persoas afectadas por ludopatía e adicción alcohólica; os dirixidos á procura de emprego das persoas cun trastorno mental ou aditivo; os de inserción social e laboral para aqueles con problemas xurídicos con trastornos mentais ou aditivos; de atención xurídico social aos que padecen trastorno mental severo; ou os de sensibilización cidadá no ámbito do suicidio.

As actuacións subvencionadas tamén abranguen a prevención selectiva sobre poboación en risco; así como a capacitación a profesionais sociosanitarios na identificación e protocolos de actuación no caso de risco de suicidio.

Plan de Saúde Mental de Galicia

Ademais do aumento do apoio ás entidades asociativas do sector, o Plan de Saúde Mental da Xunta, dotado con 83 millóns de euros, prevé ata o ano 2024, a creación dun total de 241 prazas no sistema público, estando xa contratados 125 profesionais.

Ademais, para dar á cobertura destas prazas a máxima prioridade para atraer a todos os profesionais dispoñibles, incluíronse no ámbito de actuación da recentemente aprobada Lei de medidas extraordinarias para a provisión de prazas de difícil cobertura, que permitirá que as prazas de psicoloxía, psiquiatría e enfermaría especialista que derivan deste Plan poidan cubrirse por concurso de méritos.

Por outra banda, a Xunta ten aumentado tamén as prazas formativas para este persoal, na última convocatoria de Formación Sanitaria Especializada, Galicia incrementou un 53 % as prazas formativas para psicoloxía clínica e un 33 % as de psiquiatría. Ademais, converteuse nunha das primeiras comunidades autónomas en formar a especialistas en psiquiatría da infancia e adolescencia, un fito longamente esperado no sector.

Galicia conta pois, na actualidade, grazas á aplicación deste plan, con máis servizos e máis profesionais que nunca para atender a persoas con algunha doenza mental.

Finalmente, o Plan permitiu tamén incrementar as prazas concertadas nos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos ou unidades residenciais. No ano 2023 a Xunta vai destinar 9,1 millóns de euros a estes concertos, case un 50 % máis dos fondos que había en 2020, antes de iniciar o Plan de Saúde Mental.

 

Data de actualización: 13/02/2023