A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a localidade

A Xunta aproba o plan básico municipal do Páramo no marco do obxectivo de que ningún concello galego estea sen planeamento urbanístico

Ángeles Vázquez salienta que o Goberno galego traballa man a man cos concellos desenvolvendo ferramentas que protexan e poñan en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo da Comunidade


Este PBM delimita 84 núcleos rurais, dos que 63 son tradicionais, 1 é común e os 20 restantes combinan ambas condicións
 

O Páramo (Lugo), 13 de febreiro de 2023

A Xunta dá un paso máis no seu obxectivo de que ningún concello galego estea sen planeamento urbanístico coa aprobación do Plan Básico Municipal (PBM) do Páramo, a cuarta administración local que conta con esta ferramenta urbanística, que pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible dos concellos de menos de 5.000 habitantes para garantir un territorio ordenado.

 

Segundo salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura deste instrumento urbanístico, os PBM son un aliciente para concellos rurais que, como é o caso do Páramo, se caracterizan por posuír un valioso patrimonio natural e cultural, e, ademais serven para impulsar un novo rural con actividades agrarias, gandeiras, forestais, tecnolóxicas, turísticas, culturais, etc.

 

No caso concreto do Páramo, este PBM delimita 84 núcleos rurais, dos que 63 son tradicionais, 1 é común e os 20 restantes combinan ambas condicións. A maiores, cómpre lembrar que se trata dunha aprobación definitiva, aínda que parcial dado que hai que resolver unhas cuestións técnicas en materia de recursos hídricos e augas residuais derivados duns informes sectoriais.

 

Ademais, esta ferramenta urbanística tamén cataloga un total de 199 elementos do patrimonio natural e cultural do municipio -31 arqueolóxicos, 166 arquitectónicos e 2 Bens de Interese Cultural-.

 

O Concello do Páramo convértese no cuarto municipio en contar cun Plan Básico Municipal logo da aprobación dos de Riotorto, Trabada e Ribeira de Piquín. Segundo explicou a conselleira, na actualidade a Xunta está a traballar noutros 20 PBM, dos que 5 se atopan na última fase de tramitación, 9 están en avaliación ambiental e 6 están elaborando a cartografía necesaria.

 

Os plans básicos municipais veñen a completar todos os instrumentos normativos e medidas que a Xunta aprobou desde 2009 para acadar un urbanismo sostible e responsable, como as Directrices de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral, a Estratexia da paisaxe galega ou o Plan básico autonómico; e as novas leis do solo e de ordenación do territorio.

 

“Desde o Goberno galego traballamos man a man cos concellos desenvolvendo ferramentas que protexan e poñan en valor a nosa paisaxe, o noso territorio e o noso urbanismo”, concluíu Ángeles Vázquez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2023