A furgoteca, a nova biblioteca móbil da Xunta, levará estes servizos á veciñanza de 20 concellos do rural de Lugo e Ourense
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presenta esta iniciativa que se inicia de xeito piloto nas comarcas dos Ancares, A Fonsagrada, Sarria, Verín e A Limia
Permitirá o préstamo de libros, películas, música, xogos e publicacións periódicas, conta con conexión a internet e tamén se encarga de expedir carnés de usuario
Dúas veces ao mes, situarase nas zonas máis concorridas de cada localidade e tamén realizará un percorrido polas aldeas cun servizo personalizado porta a porta
“Seguimos avanzando no Plan Xeración Cultura para estendela a toda Galicia, con iniciativas de proximidade e para todos os públicos”, expresa o conselleiro
A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, botará a andar a finais deste mes nun total de 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a súa presentación onde se deu a coñecer a imaxe dos vehículos que itinerarán polos concellos.
En 20 concellos
En total, entra en funcionamento en 20 concellos. En concreto, en Lugo estará nos de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. En Ourense, en Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós. Os días, horarios e lugares de parada poderán consultarse na páxina web https://www.cultura.gal/furgoteca, nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.
Na furgoteca tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.
Intensa actividade cultural
Esta iniciativa ven acompañada dunha intensa actividade cultural. De xeito, está previsto que conten con programación de periodicidade estable que inclúa clubs de lectura, contacontos, encontros con autores locais, entre outras, para o que se buscará a colaboración cos centros educativos tanto a través de equipos docentes como a través de bibliotecas escolares e do tecido asociativos.