O conselleiro de Sanidade destaca os investimentos potentes, planificados e coherentes da Xunta nos hospitais e centros de saúde públicos da provincia de Pontevedra

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Julio García Comesaña, participou hoxe nun almorzo informativo da Asociación de construtores de Pontevedra

Hai máis de 350 millóns de euros para investimentos entre primaria e hospitalaria, -remarcou o conselleiro-

Pontevedra, 14 de febreiro de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, nun almorzo informativo da Asociación de construtores de Pontevedra, “os investimentos potentes, planificados e coherentes da Xunta tanto en atención primaria como en hospitalaria nesta provincia”.

Tal e como remarcou o máximo responsable da sanidade pública galega, os presupostos da sanidade pública galega para este ano son os maiores da historia en xeral e no capítulo de persoal e, loxicamente “tamén o son no que atinxe de investimentos”. Hai máis de 350 millóns de euros para investimentos entre primaria e hospitalaria. Descontando os equipamentos ou o material informático, quedan para obras uns 240 millóns, -remarcou Comesaña-.

Na provincia de Pontevedra hai varias obras xa iniciadas, entre as que o conselleiro destacou o Novo Montecelo, cunha primeira fase de máis de 130 millóns, para a que se reserva nas contas de 2023 unha partida de 64 millóns. 

Polo que respecta a Vigo, tamén hai obras hospitalarias moi importantes, estando a punto de adxudicarse, por 1,3 millóns, a instalación no Álvaro Cunqueiro da segunda unidade de hospitalización de saúde mental infanto xuvenil con ingreso de Galicia. Ademais, están xa iniciadas as obras da nova unidade de enfermidades raras e da unidade de necropsias de anatomía patolóxica. Así mesmo, están xa adxudicados os proxectos arquitectónicos de tres reformas máis, a unidade de rehabilitación cardíaca, o hospital de día de procesos médicos, e a nova zona para os equipos de hospitalización a domicilio.

Obras de adecuación de espazos no gran hospital de Vigo, pero, tamén, -proseguíu Comesaña-, obras de reforma no Hospital do Meixoeiro, centro no que se investiron máis de 22 millóns de euros desde que se puxo en marcha o Álvaro Cunqueiro.

Tamén destacou as obras no Hospital do Salnés, no que agora mesmo estase a terminar a nova central de esterilización que, entre obra e equipamento, suporá un investimento de 1,3 millóns de euros.

Atención primaria

No que atinxe á atención primaria, Comesaña destacou o Centro Integral de Saúde de Lalín, cun investimento de máis de 10 millóns de euros, cuxas obras xa están moi avanzadas, así como a ampliación do centro de saúde de Porriño, cun orzamento de 4,3 millóns.

Tamén dixo que xa está adxudicada, por 14,3 millóns, a obra do CIS Olimpia Valencia. A segunda obra a piques de empezar é o novo centro de saúde de Moaña, que suporá un investimento de sete millóns.

Con respecto aos proxectos en trámite, o conselleiro lembrou que, en outubro de 2021, a Xunta aprobou un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que están definidas as prioridades para obras en centros de saúde. A raíz deste plan, a Xunta remitiu a todos os concellos cuxo centro de saúde entraba neste documento, unha carta pedíndolle unha parcela para poder construílo. A resposta de determinados concellos permitiu a sinatura de convenios ao longo de 2022 para a construción de novos centros de saúde en Soutomaior, Meis ou Barro, así como dun protocolo que permitirá a ampliación do centro de saúde de Moaña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2023