A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe co alumnado do IES Campo San Alberto de Noia que participa neste programa

A Xunta destaca a labor dinamizadora e informativa que realizan os Correspondentes Xuvenís

Estudantes de Formación Profesional Básica de Electricidade e electrónica e do ciclo medio de Xestión administrativa encárganse de actualizar o taboleiro de anuncios do centro, poñen en marcha un grupo de lectura, participan en obradoiros de intelixencia emocional ou preparan actividades para o entroido, entre outras accións

Noia (A Coruña), 15 de febreiro de 2023 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo esta mañá co alumnado e profesorado do IES Campo de San Alberto de Noia que participa no programa Correspondentes Xuvenís e coñeceu de primeira man o proxecto que están a desenvolver. Cristina Pichel agradeceu a implicación do profesorado nesta iniciativa e destacou tanto a labor informativa como de dinamización do día a día no centro educativo que realizan estes estudantes.

Os 13 correspondentes deste instituto noiés cursan Formación Profesional Básica de Electricidade e electrónica e o ciclo medio de Xestión administrativa, e a proposta que están a levar a cabo denomínase Acadix (Actividade, Convivencia, Aprendizaxe, Diversidade, Igualdade e Xénero). Entre as accións que realizan están a actualización do taboleiro de información do centro, a creación do grupo lector ‘libros con café’, obradoiros de intelixencia emocional ou a preparación do entroido.

A directora xeral de Xuventude explicou que finalidade de Correspondentes Xuvenís é facer partícipe ás mozas e mozos na difusión de axudas, programas ou actividades que son do seu interese. Deste xeito, alumnado de Secundaria, Bachalerato, Formación Profesional e universitario actúa como altofalante, achegando toda esta información aos seus compañeiros e amigos.

Certificado de experiencia

Así mesmo, Cristina Pichel destacou que este programa axuda a potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos estudantes, favorece que asuman responsabilidades e transmite valores como a colaboración ou o liderado. O alumnado que actúa como correspondente recoñécese a súa participación cun certificado de experiencias en educación non formal en materia de xuventude.

En Noia, ademais do IES Campo de San Alberte, tamén está adherido ao programa Correspondentes Xuvenís o IES Virxe do Mar, coa participación de 10 estudantes. Este curso 2022-2023 hai máis de 650 correspondentes por toda Galicia.

Data de actualización: 15/02/2023