A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe na presentación da plataforma Smart Waste

Galicia implanta un proxecto pioneiro que aplica a tecnoloxía máis innovadora para mellorar e optimizar a recollida e selección de residuos

A información recollida facilitará optimizar procesos como a adecuación da frecuencia de recollida, as rutas que ten que realizar cada camión ou os lugares nos que fan falta máis ou menos contedores

Ángeles Vázquez salienta que a implantación de Smart Waste, reflicte o claro compromiso da Xunta por seguir construíndo un modelo de sociedade máis responsable e sustentable co medio ambiente

Arredor de 2.000 galegos se mobilizaron en 2022 para as recollidas de residuos organizadas no marco do proxecto Libera, grazas ás que foron recollidos 400 quilos de lixo en máis de 100 puntos da Comunidade

Ribeira (A Coruña), 15 de febreiro de 2023 Galicia convértese nunha das primeiras comunidades autónomas en implantar un proxecto pioneiro que aplica a tecnoloxía máis innovadora para mellorar e optimizar a recollida e selección de residuos dos contedores amarelo -envases de plástico, latas e briks- e azuis -papel e cartón-.

 

Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de presentación desta iniciativa piloto no Concello de Ribeira, a plataforma de reciclaxe intelixente Smart Waste permitirá recoller datos en tempo real sobre o volume e tipoloxía de residuos grazas á incorporación de sensores nos camións, de sistemas GPS e da tecnoloxía máis punteira nas plantas de selección.

 

Toda a información recollida facilitará optimizar procesos como a adecuación da frecuencia de recollida, as rutas que ten que realizar cada camión ou os lugares nos que fan falta máis ou menos contedores. Ademais, poder dispoñer deses datos dun xeito máis áxil e nun formato único permitirá coñecer tanto as tendencias de consumo como o depósito de refugallos por barrios, parroquias, etc., o que tamén axudará a decidir a adopción de medidas en función da información recollida.

 

Así, Ángeles Vázquez incidiu en que se trata dunha ferramenta de optimización do servizo de recollida, selección e reciclado dos residuos que adianta o futuro das Cidades Intelixentes situando Galicia como unha das comunidades máis vangardistas na aposta pola aplicación dos principios da economía circular. Deste xeito, a implantación de Smart Waste reflicte o claro compromiso da Xunta por seguir construíndo un modelo de sociedade máis responsable e sustentable co medio ambiente.

 

Balance proxecto Libera

No marco da presentación desta iniciativa innovadora, a conselleira puxo en valor a colaboración que a Xunta vén mantendo con Ecoembes co obxectivo de sensibilizar e mobilizar á cidadanía de cara á unha mellor xestión dos refugallos e un maior respecto cara ao medio ambiente.

 

Nesa liña, arredor de 2.000 galegos se mobilizaron en 2022 para as recollidas de residuos organizadas no marco do proxecto Libera, unha iniciativa na que colaboran a Xunta, Ecoembes e SEO/Birdlife, e grazas á que foron recollidos 400 quilos de lixo en máis de 100 puntos da Comunidade.

 
Esta iniciativa continuará ao longo de 2023 e, de feito, está previsto que en marzo se realice a nova campaña de voluntariado 1m2 polos ríos, lagos e embalses, o que supón unha nova oportunidades para amosar o compromiso da sociedade coa protección e preservación do medio ambiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/02/2023