A Xunta convoca para marzo e abril os propietarios dos terreos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade na PO-315 en Beluso, no concello de Bueu
O levantamento de actas previas terá lugar o 2 de marzo, entre as 10 e as 12:00 horas, no Concello de Bueu, e a formalización será o 25 de abril na mesma hora e lugar
A intervención, cun investimento de 340.000 euros, executarase este ano e céntrase na construción dunha beirarrúa nun treito de 600 metros pola marxe esquerda da vía, que conectará coas existentes na Achadiza e na rúa Nova de Abaixo
Ampliarase a plataforma deste tramo da PO-315 e habilitaranse paradas de autobús con marquesiña en ambas as dúas marxes á altura do quilómetro 2+500
Tamén se mellorará a drenaxe, modernizaranse os servizos, renovarase a capa de rodaxe nas zonas deterioradas e estabilizarase un noiro
Con esta nova actuación dáse continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e de acondicionamento de espazos peonís impulsados pola Xunta neste municipio do Morrazo
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para marzo e abril, dos actos expropiatorios para executar as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello de Bueu.
Esta intervención suporá un investimento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios para a execución da intervención. As obras foron xa licitadas e neste momento se están a avaliar as 8 ofertas que presentaron as empresas, polo que o obxectivo da Xunta é comezar os traballos na vindeira primavera, cun prazo de execución de 6 meses.
O acto para o levantamento de actas previas á ocupación terá lugar o 2 de marzo, entre as 10 e as 12:00 horas, no Concello de Bueu. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 25 de abril, tamén na Casa do Concello, entre as 10 e as 12:00 horas. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/u7mvLn .
Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paradas de autobús con marquesiñas en ambos os laterais da vía, á altura do quilómetro 2+500.
Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.
Tamén prevese a estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.
As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.