A Xunta segue a avanzar na atención integrada ao paciente crónico complexo

A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, reúnese cos xefes de servizo de Medicina Interna das sete áreas sanitarias

Santiago de Compostela, 18 de febreiro 2023

Dentro do marco que establece a Estratexia de cronicidade e o plan de Hospitalización a Domicilio, o Servizo Galego de Saúde segue a avanzar na atención integrada ao paciente crónico complexo. A tal efecto, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, reuniuse, esta semana, cos xefes de servizo de Medicina Interna das sete áreas sanitarias, nunha xuntanza á que tamén asistiu o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal.

 

Nunha primeira fase identificáronse as necesidades comúns na atención sanitaria prestada nas distintas áreas sanitarias, a través de entrevistas e estudos sobre a casuística e os procesos atendidos. Nesta segunda etapa, estableceranse diferentes liñas de mellora nas distintas fases do proceso asistencial e determinaranse boas prácticas a implantar.  

 

Entre as medidas, sinalar o desenvolvemento do sistemática de identificación de pacientes crónicos; a inclusión en IANUS 5 do proceso de avaliación integral do paciente e o plan individualizado de atención integral; a definición do proceso de transferencia de referencia entre profesionais; a elaboración e comunicación do catálogo de recursos dispoñibles; ou a creación dun Sistema de vixilancia e monitorización da cronicidade.

 

Todo iso, en coordinación coa atención primaria e as residencias sociosanitarias.

 

Sociedades científicas

Tamén esta semana, a xerente do Sergas e os directores xerais de Recursos Humanos e Asistencia Sanitaria do departamento sanitario galego, reuníronse coas sociedades científicas para explicarlles o conxunto de medidas que está a adoptar o Servizo Galego de Saúde no ámbito da estabilización dos profesionais sanitarios, como é a convocatoria por concurso de méritos para cubrir prazas de difícil cobertura, as axendas con cupos de 33 pacientes e sete ocos para posibles urxencias, a bolsa de profesionais para cubrir as ausencias nos puntos de atención continuada da área de Pontevedra, o pulo á carreira profesional ou as melloras no eido do benestar emocional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2023