A Xunta inxecta 100.000 € en axudas para a transformación dixital do sector comercial e artesanal nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou un dos 20 negocios beneficiarios desta convocatoria da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación que mobilizou na zona investimentos por valor de 125.000 euros
 

Os apoios autonómicos están orientados á implantación ou actualización de páxinas web con ou sen venda en liña, adquisición de sistemas TPV, tableta ou impresora de código de barras térmica, ferramentas de márketing dixitais, loxística e-commerce ou xestor de redes sociais, entre outros

Ferrol, 20 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, inxecta 100.000 euros en axudas a comercios e obradoiros artesáns das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para a súa transformación dixital e modernización. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta convocatoria durante unha visita a Centros Ferrol SL, un dos 20 negocios beneficiarios destes apoios autonómicos que mobilizaron na zona 125.000 euros en investimento.

En concreto, a empresa que posúe varios establecementos na cidade, recibiu unha axuda de 10.400 euros destinados ao mantemento da páxina web, melloras dos sistemas dixitais de stock integrado e das ferramentas de márketing dixital, loxística e-commerce, xestor de redes sociais e imaxe dixital.

“A modernizacion da actividade comercial e artesanal é fundamental para incrementar a competitividade do sector”, sinalou a delegada territorial que tamén apuntou a dixitalización como “reto ineludible para o sector comercial galego”. A este respecto, indicou que, a través de axudas como esta, o Goberno galego quere "amosar o seu apoio a un sector que se viu gravemente afectado pola crise da pandemia e que, como consecuencia das restricións da mobilidade, se viu obrigado a buscar outras canles de comercialización”.

Subvencionáronse os gastos en investimentos vinculados á implantación ou actualización de páxina web con ou sen venda en liña, adquisición de sistemas de TPV ou tableta e impresora de código de barras térmica; ferramentas de márketing dixital; sistemas dixitais de stock integrado; loxística e-commerce; xestor de redes sociais, sistemas de click and collect, imaxe dixital e sistemas dixitais de control de accesos.

Este ano este programa contará cun orzamento de 3 millóns de euros, e sumarase á axuda do fondo tecnolóxico, única dotada con fondos europeos Next Generation, e centrada en aspectos como a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a mellora da experiencia de compra dos usuarios. No mes de decembro lanzouse unha primeira convocatoria do fondo tecnolóxico, con 2,7 millóns de euros de orzamento. En fase de resolución, o programa tivo unha grande acollida, con máis de 367 axudas solicitadas. A segunda convocatoria publicarase nesta primavera cun importe de 2,9 millóns de euros, alcanzando así os 5,6 millóns de euros.

En total, este ano destínanse 24 millóns de euros a impulsar a competitividade do sector comercial e artesanal; crear un hub de innovación comercial e artesanal para desenvolver novos modelos de negocio e mellorar a competitividade do sector; así como impulsar a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito, entre outros.

As medidas específicas para este ano da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que se suman aos apoios doutros departamentos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -como Inega e Igape-, así como da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, irán en liña co diagnóstico realizado co sector a partir de enquisas ás asociacións, estudos do sector e agrupacións sectoriais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2023