A Xunta impulsa unha reforma normativa para facilitar o cambio de uso de baixos comerciais a vivendas

Rueda asegura que o obxectivo é “posibilitar o uso residencial” cando non hai uso comercial

Subliña que o Consello acorda iniciar a tramitación do decreto que revisará e actualizará as normas de habitabilidade de Galicia, aprobadas hai 13 anos, xa que algúns requisitos eran “moi estrictos” e xa quedaran “obsoletos”

Co fin de contrarrestar o abandono de locais de uso comercial en contornas urbanas e incrementar o actual parque de vivendas, proponse favorecer a súa reconversión con fins residenciais, permitindo aos concellos facer excepcións e simplificar as esixencias de adaptación en determinados ámbitos, sempre que estea xustificado

Tamén se queren introducir modificacións nos requisitos que debe cumprir unha vivenda para ser considerada exterior e outras coas que se pretenden flexibilizar ou clarificar cuestións funcionais que afectan á habitabilidade dos domicilios

Todos os cambios foron analizados e debatidos no seo do Observatorio de Vivenda de Galicia e someteranse desde mañá a consulta pública previa para recadar a opinión de profesionais, administracións públicas e cidadanía en xeral

 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023 .-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego impulsará este ano un cambio na normativa de habitabilidade de Galicia co obxectivo de facilitar e permitir, en determinados supostos, que baixos comerciais abandonados ou sen actividade en contornas urbanas poidan renunciar ao seu uso orixinal para reconverterse en vivendas. Ademáis, tal e como explicou Rueda, a Xunta tamén busca “actualizar unha normativa” que foi aprobada hai 13 anos e que incorpora “requisitos moi estrictos e obsoletos” de cara a rehabilitación ou reforma dunha vivenda.

O Consello acordou hoxe iniciar a tramitación do decreto que vai modificar as actuais Normas de habilitabilidade de vivendas de Galicia, aprobadas en 2010. “O que buscamos é que se un baixo non vai ter uso comercial, poida ter un uso residencial”, indicou Rueda, é dicir, “non se trata de evitar o uso comercial dos locais senón de posibilitar outros”. Isto, resaltou, vai favorecer, por unha banda, que aumente a oferta de vivendas dispoñibles para a cidadanía e, por outra, “evitar a sensación de degradación que produce ter moitos baixos abandonados tanto no centro como nos barrios das cidades”.

Cómpre subliñar que agora existe xa a posibilidade de adaptar baixos comerciais para destinalos a uso residencial, pero esta adaptación queda impedida ás veces polo feito de que a normativa actual de habitabilidade esixe que se cumpran unha serie de condicións bastante estritas para garantir a protección das vistas das vivendas desde o exterior.

Por iso, un dos cambios que se quere introducir favorecerá a reconversión de baixos en vivendas cando se dean este tipo de situacións, permitindo aos concellos facer excepcións e simplificar as esixencias de adaptación necesarias para garantir a intimidade dos residentes en determinados ámbitos, sempre que estea debidamente xustificado por motivos urbanísticos ou de protección patrimonial.

A tal fin, manterase con carácter xeral a esixencia de protección das vistas nas vivendas reconvertidas a partir de baixos comerciais, pero as administracións locais poderán eximir ou matizar este requisito dentro de determinados ámbitos a través da tramitación dun anexo de habitabilidade, figura xa contemplada no decreto actual, pero cun alcance moi limitado e que se pretende agora estender a través desta modificación. Un exemplo, explicou o presidente, sería naqueles baixos “nos que non é posible subir a altura das fiestras”, pero si instalar algún sistema para evitar ser vistos desde fóra.

Así mesmo, tamén se queren flexibilizar os requisitos que debe cumprir unha vivenda para ser considerada exterior, esixencia prevista nas normas de habitabilidade vixentes. Na práctica, isto tradúcese en que algunha das estancias debe abrirse necesariamente a espazos exteriores que veñen definidos nos instrumentos urbanísticos municipais. Co cambio proposto facilitarase e axilizarase a súa delimitación ao permitir aos concellos definir estes espazos sen ter que facer unha modificación urbanística.

De igual xeito e tendo en conta que a normativa regula as condicións de habitabilidade que deben cumprir tanto vivendas novas como rehabilitadas, flexibilizaranse igualmente as esixencias aplicables no caso de remodelacións que acometan os propietarios para uso propio co fin de garantir que os inmobles se adecúen ás súas necesidades concretas.

Por último, tal e como explicou Rueda, a modificación prevista prevé eliminar tamén aspectos que poidan ser redundantes co resto da lexislación sectorial, así como clarificar e adecuar cuestións funcionais que afectan á habitabilidade dos domicilios para adaptalas ás circunstancias actuais do mercado como poden ser, por exemplo, “a disposición dos elementos nos baños e aseos” das vivendas ou certas determinacións relativas a tendais e lavadoiros.

Cambios moi debatidos

Todos os cambios que se queren incluír nas actuais normas de habitabilidade foron analizados e debatidos no seo do Observatorio de Vivenda de Galicia e tamén no Comité asesor de habitabilidade, un órgano de carácter consultivo que mantivo tres reunións o ano pasado co fin de concretar os posibles cambios e melloras.

Logo deste proceso e tras recibir hoxe o visto bo do Consello da Xunta, o anteproxecto de decreto polo que se modifican as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia someterase desde mañá e ata o vindeiro 13 de marzo a consulta pública previa co fin de recadar a opinión de profesionais, administracións públicas e cidadanía en xeral sobre a oportunidade desta revisión e os seus obxectivos concretos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/02/2023