A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade someterá nos vindeiros días a información pública a proposta de trazado, para que os interesados poidan presentar as súas achegas

A Xunta aproba provisionalmente o proxecto de prolongación da Rolda Leste de Lugo, que suporá un investimento autonómico de 19,6 M€

Trátase de completar esta infraestrutura xa parcialmente executada, que discorre integramente no termo municipal de Lugo, configurando un anel de circunvalación da cidade conxuntamente coa N-640 e a N-VI, ambas as dúas vías estatais

O proxecto da Xunta formula unha estrada de 2,8 km desde a glorieta da LU-530, continuando a fase xa executada e cunha sección de dous carrís por sentido

A Rolda Leste terá pendente descendente, sen superar o 5%, e contará cun paso inferior para salvar o cruce coa liña do ferrocarril Madrid-A Coruña

Inclúese un viaduto dobre de 120 metros sobre o río Fervedoira e garántese a conectividade coas marxes con camiños de servizo, dous pasos superiores e tres inferiores
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado de prolongación da Rolda Leste de Lugo desde a súa finalización actual na LU-530 ata a estrada estatal N-VI.

Trátase de completar a Rolda Leste, unha infraestrutura xa parcialmente executada, que discorre integramente no termo municipal de Lugo, configurando un anel de circunvalación da cidade conxuntamente coa N-640 e a N-VI, ambas as dúas vías estatais.

A Xunta someterá a información pública nos vindeiros días o proxecto de trazado desta actuación, que abrirá o prazo para que todos aqueles interesados no mesmo poidan formular as observacións que consideren oportuno.

Esta nova intervención do Goberno galego na cidade se estima suporá un investimento de 19,6M€, incluídos os 18,9 M€ de obras e os 492.000 € estimados para as expropiacións, ademais da reposición de servizos afectados e o seguimento arqueolóxico e ambiental.

O proxecto aprobado polo departamento de Infraestruturas da Xunta ten como obxectivo darlle continuidade ata a N-VI ao treito de 2,41 km de lonxitude xa en servizo, con sección de autovía, e que discorre entre a N-640 e a LU-530. 

Para iso, a Xunta proponse a construción dunha vía de 2,8 km desde a finalización da estrada LU-530 ata o enlace coa N-VI que, agás os primeiros metros e o punto final de chegada á avenida de Madrid, terá unha pendente descendente, cun máximo do 5%.

O punto de inicio da nova vía é o punto quilométrico 2+460 da actual Rolda Leste, na glorieta coa LU-530. Manterá unha sección moi similar ao treito xa en servizo, con dous carrís por sentido de 3,5 metros cada un, beiravía interior de 1 metro e exterior de 2,5 metros, ademais de mediana de 2 metros.

No trazado proxectado inclúese un paso inferior para salvar o cruzamento coa liña do ferrocarril Madrid-A Coruña.

Doutra banda, a permeabilidade transversal -a conexión coas marxes da vía- quedará garantida con camiños de servizo lonxitudinais e cinco estruturas transversais, dous pasos superiores e tres pasos inferiores.

Finalmente, prevese un viaduto dobre de 120 metros de lonxitude sobre a canle e o parque do río Fervedoira, que cruza, ademais, sobre a estrada LU-2925. Este viaduto evita tanto a disposición de pilas sobre o cauce como de estribos na zona de servidume do dominio público hidráulico.

Data de actualización: 25/02/2023