O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, participa no encontro territorial do Plan Conecta FP, que se celebra no Centro Integrado de FP Compostela

O número de estudantes de FP medrou en máis dun 36 % nunha década na área de Santiago de Compostela

Un total de 18 centros imparten 143 ciclos nesta zona, con máis de 3.700 alumnos

A Xunta analiza coas empresas destes concellos as necesidades do tecido produtivo para deseñar a oferta destas ensinanzas para vindeiros cursos

O representante do Goberno galego destaca a importancia da colaboración do mundo produtivo na revolución silenciosa experimentada pola FP na última década

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá no encontro territorial do Plan Conecta FP Galicia para a área de Santiago. O Centro Integrado de FP Compostela acolle esta xornada, que conta coa presenza tanto dos centros educativos como de representantes de grandes empresas, autónomos e pemes implicados no desenvolvemento dos ciclos formativos.

O acto, no que tamén participou a presidenta da Cámara de comercio de Santiago de Compostela, María Pais Fajín, é a terceira das 14 reunións comarcais que a Consellería está a celebrar no marco deste plan. Nel, Román Rodríguez destacou o pulo experimentado pola FP na última década nos concellos de Santiago, Arzúa, Ames, Boqueixón, Melide, Negreira, Ordes e Padrón.

Non en balde, a matrícula de FP na área da capital galega incrementouse en máis dun 36 % desde o curso 2012/13, chegando este curso aos 3.768 alumnos. Deles, 263 son estudantes dos 23 proxectos de FP Dual en marcha. En total, son de 18 os centros que imparten 143 ciclos nestes municipios.

O titular do departamento educativo do Goberno galego sinalou o éxito das FP galega como o froito dunha “revolución silenciosa, grazas ao gran esforzo que se realiza dende os centros e dos seus equipos directivos e á colaboración directa do mundo empresarial”.

A este respecto, destacou o prestixio adquirido por estas ensinanzas na cidadanía e a confianza crecente do empresariado na FP, que se traduce na súa colaboración tanto nas prácticas como nos proxectos de Dual. Así mesmo, puxo en valor a alta empregabilidade dos ciclos, cuns datos que acadan practicamente o 100 % nalgún casos.

“Galicia é unha das comunidades autónomas líderes na FP”, dixo o conselleiro. “pero temos marxe para medrar”. “É indispensable a colaboración coas empresas para formar aos nosos alumnos nas competencias que van ser útiles e que lles van permitir enfrontarse ao mundo laboral”, rematou.

A xornada continuou co relatorio A Formación Profesional como vía de capacitación, a cargo da directora xeral de FP, Eugenia Pérez. Ao longo do día desenvólvense tres mesas de traballo sobre as posibilidade de colaboración entre a FP e as empresas do seu contorno produtivo, analizando as opcións concretas da FP Dual; sobre a importancia da acreditación de competencias e a formación dos traballadores no mercado laboral futuro e arredor das necesidades do sector produtivo. Nelas participaron tanto representantes de centros educativos como de empresas. O encontro rematará cun espazo networking para o intercambio de ideas.

Competitividade e empregabilidade

O Plan Conecta FP, dotado con 30,7 M€, contempla a celebración de 14 encontros territoriais e outros cinco sectoriais para analizar as necesidades dos sectores produtivos. A partir de cada un deles crearanse outros 19 grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Da análise de cada un dos grupos xurdirán plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional e territorial, que conformarán o Plan Conecta FP Galicia para deseñar e planificar a oferta destas ensinanzas á medida do tecido produtivo galego e de cada zona.

O obxectivo deste plan é formar profesionais cualificados que dean maior e mellor resposta ás necesidades das empresas favorezan a súa competitividade, así como a confianza da industria na FP. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova, nunhas ensinanzas cunha inserción do 85 % e de case o 100 % na modalidade Dual.

En total prevese que participen nestas reunións máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Serán convidadas aos encontros máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023