A Xunta abre o prazo para incorporar 25 novos centros ao programa de libro electrónico E-Dixgal

Facilítanse ultraportátiles e acceso a contidos e materiais a estudantes entre 5º de Primaria e 4º de ESO

A iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades chega este curso a máis de 60.000 alumnos de 600 centros educativos

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para incorporar 25 novos centros ao proxecto de educación dixital E-Dixgal, a través dos que se pon a disposición de centros e alumnado ultraportátiles con acceso a libro e materiais dixitais cos que desenvolver o seu proxecto curricular. Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia chega este curso a máis de 60.000 alumnos desde 5º de Primaria a 4º da ESO de 600 centros educativos de toda Galicia. Colaboran na súa implantación 10.000 docentes.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de marzo de 2023 e os centros interesados poderán pedir tanto ampliar etapa (por exemplo, un centro público integrado que desenvolva o programa en Primaria pode tamén pedilo para ESO) como incorporarse ao programa.

No caso dos centros que se incorporen na etapa de Primaria, deberán impartir todas as áreas en modalidade dixital. Os que se incorporen en ESO, todo o alumnado deberá recibir un mínimo de seis materias en modalidade dixital a elección do centro, segundo o curso e tendo en conta que para este cómputo non se terán en conta as materias con só unha sesión lectiva á semana nin a de libre disposición de centro.

Os centros de nova incorporación manterán o programa durante catro cursos académicos, unha vez completada a implantación do proxecto na etapa correspondente, polo que a súa participación se prorroga de xeito automático. No caso dos centros que rematen a súa permanencia, renovarán este compromiso de forma automática, sen ter que facer unha nova solicitude, durante catro cursos académicos consecutivos máis, salvo renuncia expresa por parte do Claustro e do Consello Escolar.    

Contidos e materiais

O profesorado e alumnado dos centros implicados desenvolve a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe que lles vai permitir acceder a contidos dixitais. De igual xeito, os centros teñen á súa disposición o repositorio de contidos educativos dixitais do espazoABALAR, con máis de 2.500 recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas. A maiores, o profesorado pode crear, seleccionar ou engadir ao entorno os seus propios materiais.

Con estes recursos, os docentes poden elaborar a súa propia mochila dixital seleccionando a través da plataforma dixital os contidos formativos e incorporando os complementarios que desexen, así como outros de elaboración propia.

Data de actualización: 28/02/2023