A Xunta anima a achegarse á "furgoteca", que leva desde hoxe os servizos bibliotecarios aos veciños de 20 concellos do rural de Lugo e Ourense

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste á posta en marcha da iniciativa en Triacastela, onde salienta a “gran oportunidade” que trae consigo esta proposta itinerante ao achegar a lectura “a cada vez máis persoas”

Fixo parada na Casa Niño, a praza do Concello, o colexio CEIP Eduardo Cela Vila e a Casa do Maior de Vilar para continuar nos vindeiros días no resto de concellos

Á provincia de Ourense chegará mañá, en Trasmiras, e o calendario completo de todos os itinerarios pode consultarse xa en cultura.gal/furgoteca

Triacastela (Lugo), 28 de febreiro de 2023

A furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia, arrincou hoxe na localidade lucense de Triacastela, un dos 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense nos que se implanta para achegar a lectura aos veciños. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na súa posta en marcha onde salientou “a gran oportunidade” que brinda esta iniciativa e animou a participar de todas as posibilidades que ofrece “desde coller en préstamo libros e revistas e participar nas moitas actividades complementarias que programamos ata facerse o carné de usuario de biblioteca ou conectarse a internet.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que A furgoteca dá comezo con actividades para todos os públicos, desde os máis pequenos ata os maiores. Así, en Triacastela instalouse a primeira hora na Casa Niño onde se ofreceu unha sesión de contacontos. Durante o día tamén prestará servizo á cidadanía na praza do Concello, recibirá a visita do alumnado do colexio CEIP Eduardo Cela Vila e completará a súa itinerancia na Casa do Maior de Vilar.

“Unha proposta de proximidade como A furgoteca é esencial para achegar a cultura a toda a veciñanza, na liña dos obxectivos da nosa folla de ruta para este ano, o Plan Xeración Cultura coa que estamos impulsando o sector cultural”, expresou. Anxo M. Lorenzo avanzou, ademais, que o arranque da iniciativa na provincia de Ourense será mañá mércores no concello de Trasmiras e recordou que todo o calendario cos lugares e paradas que se realizarán nas vindeiras semanas están dispoñibles xa na páxina web cultura.gal/furgoteca , nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.

Variedade de propostas

En total, entra en funcionamento en 20 concellos. En Lugo, ademais de Triacastela, estará nos de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedraf­ita do Cebreiro e Samos. En Ourense, ademais de en Trasmiras, tamén en Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra e Vilardevós.

Na furgoteca pódense atopar exemplares de libros, películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicas como revistas e xornais. Tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación.

Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural. Como complemento, terán programación de periodicidade estable como clubs de lectura, contacontos, encontros con autores locais, entre outras, para o que se buscará a colaboración cos centros educativos tanto a través de equipos docentes como a través de bibliotecas escolares e do tecido asociativos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023