A Xunta avanza nas obras de modernización integral e mellora da eficiencia enerxética do albergue de peregrinos de Pontevedra cun investimento de 428.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá o comezo dos traballos coa retirada de amianto do tellado e a adopción das primeiras accións de reforzo do illamento e anunciou que o prazo de execución previsto é de seis meses

Este proxecto, enmarcado no Plan de Mellora da Rede de Albergues Públicos de Peregrinos de Galicia, adiou uns meses o seu comezo polo retraso na concesión da licenza municipal de obra, pero agárdase que estea listo “para o groso da tempada de peregrinos”

As obras consistirán na renovación da cuberta, o peche exterior e o pavimento, o relevo das carpintarías exteriores, a colocación de vidros de control solar nas fachadas de maior exposición ao sol e instalación de calefacción a base de solo radiante e recuperadores de calor

Pontevedra, 28 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, xa está a avanzar nas obras de modernización integral e mellora da eficiencia enerxética do albergue de peregrinos Virxe Peregrina de Pontevedra, que veñen de comezar recentemente, cun investimento de 428.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, Celestino Lores, e algúns representantes municipais, supervisou este mediodía o comezo destes traballos, que están a arrancar pola retirada do amianto do tellado e a adopción das primeiras accións de reforzo do illamento deste aloxamento.

O representante autonómico explicou que a realización deste proxecto adiou uns meses o seu comezo polo retraso na concesión da licenza municipal de obra por parte do Concello de Pontevedra, pero concretou que as obras teñen un prazo de execución máxima de seis meses, polo que se agarda que estea listo “para o comezo do verán, que é cando se alcanza o groso da tempada de peregrinos”.

“Pechamos o Xacobeo 2022 coa cifra récord de case 450.000 peregrinos en total, dos que 130.000 pasaron por Pontevedra, polo que case o 30 % dos camiñantes a Santiago avanzan por esta cidade, polo que é necesario, e así o facemos dende a Xunta de Galicia, ir mellorando todo o que supón o percorrido, dende os traxectos ata as instalacións. E no marco da nosa aposta absoluta polo Camiño é fundamental reformar por completo este albergue público para poñelo na primeira división dos aloxamentos xacobeos”, explicou Luis López.

Esta actuación, que se enmarca no Plan de Mellora da Rede de Albergues Públicos de Peregrinos de Galicia 2022, consistirá na renovación da cuberta e do peche exterior, a dotación dunha nova pavimentación, o relevo de todas as carpintarías exteriores por unhas máis eficientes con rotura de ponte térmica, a colocación de vidros de control solar nas fachadas con maior exposición ao sol e a instalación dun sistema de calefacción a base de solo radiante por electricidade e de recuperadores de calor de alta eficiencia para unha ventilación axeitada.

A Xunta de Galicia investiu 7,5 millóns de euros no plan de mellora dos albergues públicos desenvolvido entre os anos 2019 e 2021 e deulle continuidade o pasado exercicio con 2,5 millóns de euros máis, o que permitiu, entre outras cuestións, reformar unha decena de aloxamentos públicos do Camiño Portugués, sendo esta actuación en Pontevedra a derradeira das previstas ao abeiro desta liña de investimentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/02/2023