Román Rodríguez anuncia o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual para o compositor Nani García

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades destaca o seu papel referente como “un dos grandes talentos musicais do audiovisual galego”, así como as súas máis de catro décadas de traxectoria no jazz, a música de cámara ou a sinfónica

Recibirá este recoñecemento do sector o vindeiro día 11 na gala dos XXI Premios Mestre Mateo do Audiovisual, organizados co apoio económico da Xunta de Galicia

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, foi hoxe o escenario para o acto de comunicación do Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual, no que o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou a súa concesión ao compositor coruñés Nani García, “un dos maiores talentos musicais do audiovisual galego, cuxas obras teñen acompañado distintas xeracións de espectadores nas últimas décadas”, sinalou.

Este recoñecemento outórgaselle no marco dos XXI Premios Mestre Mateo, que volven contar co poio económico da Xunta para a súa organización cunha achega de 60.000 euros á Academia Galega do Audiovisual. Así, Nani García recibirá a estatuíña e a homenaxe do sector no transcurso da gala desta 21ª edición dos  galardóns do audiovisual galego, que se desenvolverá o vindeiro día 11 no Auditorio Municipal de Ourense.
 
Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, interviñeron tamén neste acto, no que o titular de Cultura do Goberno galego se referiu aos máis de 40 anos de traxectoria de Nani García como intérprete, compositor, produtor e divulgador, con máis de 100 publicacións e arredor de 700 composicións en moi diferentes ámbitos da música contemporánea como o jazz, a ópera, a música sinfónica ou a de cámara, ademais das bandas sonoras.

O son do audiovisual galego

“Para saber como soa o audiovisual galego, teríamos que repasar integramente a obra de Nani García”, asegurou Román Rodríguez, ao tempo que incidiu en que “este premio non é só un recoñecemento, senón tamén unha celebración da súa dilatada traxectoria e unha oportunidade para afondar no coñecemento da súa rica produción”.

A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgarlle este recoñecemento “por ser unha figura pioneira en Galicia na composición musical para cine, televisión e outros formatos audiovisuais, inspirando e alentando as vocacións de moitos dos que viñeron despois”, así como por enriquecer co seu talento traballos que despois serían premiados nos Mestre Mateo, nos Goya e mesmo nos Oscar, como é o caso de Una mujer fantástica, mellor película en lingua estranxeira en 2017. Entre as súas numerosas bandas sonoras atópanse tamén as das longametraxes Valentina, Engurras ou De profundis e series como Guante branco, As leis de Celavella ou Pratos combinados.
 
Tívose en conta, así mesmo, o traballo do compositor coruñés a prol da divulgación, con iniciativas como As músicas da Academia ou a Semana das músicas do audiovisual, ademais do seu compromiso co asociacionismo profesional a través da Asociación de Compositores de Música para Audiovisual e da propia Academia, da que é socio fundador.
 
Tanto os Mestre Mateo como este Premio de Honra Fernando Rey serven de estímulo profesional para o sector co obxectivo de lograr unha maior proxección social da rica produción audiovisual galega e dos seus profesionais.
 
A Xunta de Galicia acompaña anualmente a súa organización e difusión no marco da súa política de apoio á industria do cinema e a televisión en Galicia, que no período 2021-2023 está a contar cun investimento sen precedentes coa posta en marcha do hub Audiovisual, en paralelo ao programa anual de subvencións que abranguen desde o impulso ao talento ata a produción de longametraxes, curtas e series, pasando pola fase previa de desenvolvemento de proxectos e pola súa difusión, comercialización e exhibición.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/03/2023