Rueda anuncia 83 M€ para impulsar 1,6 millóns de metros cadrados de solo industrial na área empresarial de Ourense
Enxalza que este investimento reflicte a aposta que está a realizar o Goberno galego por asentar empresas nesta provincia e en toda Galicia
Pon en valor o feito de que neste 2023 o Executivo autonómico ofrece 900.000 metros cadrados de solo urbanizado a prezos bonificados, do 30 % ou 50 %, en 37 parques empresariais
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o investimento de 83 millóns de euros para impulsar 1,6 millóns de metros cadrados do solo industrial na área empresarial de Ourense, que abrangue a ampliación dos parques de San Cibrao das Viñas e de O Pereiro de Aguiar, ademais da construción dun novo en Paderne de Allariz, e que considerou unha demostración da aposta que está a realizar o Goberno galego por asentar empresas na provincia.
Iniciativas para dar facilidades ás empresas
Rueda encadrou estas iniciativas na política de “esforzo importante” da Xunta de Galicia para contar con solo empresarial, co obxectivo de pór todas as “facilidades” para que se asenten as empresas, tal e como considerou que se reflicte no feito de que en 2023 se ofreceron preto de 900.000 metros cadrados en 37 parques empresariais galegos a prezos bonificados.
Nesta liña, puxo en valor que Galicia segue a ser a única administración que ofrece bonificacións en todas as parcelas da súa propiedade “unhas bonificacións que chegan ao 50 % en zonas como Ourense, e que noutros casos son do 30 % como mínimo”, precisou.
Ademais, tamén salientou a creación doutras figuras legais como a iniciativa empresarial prioritaria ou o proxecto industrial estratéxico para reducir prazos; ou a Lei de áreas empresariais de Galicia, unha norma que lembrou que é pioneira a nivel estatal para axilizar, simplificar e flexibilizar a creación de solo industrial.
“Se as empresas medran, medra a economía de Galicia”, aseverou o presidente, quen incidiu en que a Xunta está para “lles pór facilidades” sendo “áxiles” e comprobando as necesidades que teñen “e intentando adiantarse” co obxectivo, segundo concluíu, “de funcionar como unha Administración eficiente”.