A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co director de Operacións de Alcoa en España, Álvaro Dorado
Lorenzana pídelle a Alcoa que poña data ao inicio da construción do forno de ánodos
Remarca o carácter “estratéxico” e “imprescindible” que ten esta infraestrutura para que a planta poida seguir funcionando e producindo aluminio
Lembra que ten outorgados 40 M€ do Perte de Descarbonización, polo que a empresa ten que poñerse a traballar nesta obra canto antes, di
Considera urxente que o Goberno convoque de novo os permisos de acceso e conexión dos parques eólicos vinculados a Alcoa para que os custos enerxéticos non sexan un problema para a súa operatividade futura
Madrid, 25 de setembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe a Alcoa que poña data e presente canto antes un calendario claro cos prazos en que se vai desenvolver a construción do forno de cocción de ánodos no complexo industrial de San Cibrao.
Lorenzana mantivo hoxe unha xuntanza co director de Operacións de Alcoa en España, Álvaro Dorado, na Oficina Económica de Galicia en Madrid, para tratar a situación actual e futura da factoría da Mariña luguesa.
A conselleira remarcou o carácter “estratéxico” que ten o forno de cocción para que a planta poida seguir funcionando e producindo aluminio, e lembrou que ten outorgado un investimento de 40 millóns de euros do Perte de Descarbonización para cofinanciar a súa construción. Polo tanto, dixo, “a empresa ten que poñerse a traballar nesta infraestrutura canto antes”.
Na xuntanza, tamén estivo sobre a mesa a situación dos parques eólicos de tramitación estatal que subministrarán enerxía ao complexo de San Cibrao, dado que o Goberno segue sen convocar os seus respectivos permisos de acceso e conexión logo de que caducaran. É outra das medidas fundamentais, concluíu, para que os custos enerxéticos non sexan un problema para a súa operatividade futura, ao igual que o estatuto para os consumidores electrointensivos e as subvencións por dereitos de emisións, apuntou.