A Xunta analiza no pleno da Comisión Galega da Artesanía a situación e o futuro do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presidiu esta mañá a reunión na que se informou aos representantes do sector das novas axudas de dinamización para o sector artesán, así como da nova Lei de Artesanía, en proceso de tramitación

Santiago de Compostela, 6 de marzo 2023 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presidiu esta mañá a reunión do pleno da Comisión Galega da Artesanía, na que se puxeron en común a situación e os retos do sector a medio e longo prazo.

O Pleno da Comisión Galega de Artesanía está integrado por membros da Administración autonómica así como por representantes designados polas asociacións profesionais de artesanía e representantes elixidos entre os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Durante a xuntanza, Manuel Heredia informou aos representantes dos artesáns das novas axudas impulsadas pola Xunta de Galicia para dinamizar e modernizar o sector, así como da nova Lei de Artesanía, que se atopa en proceso de tramitación. O obxectivo é actualizar a lexislación vixente, que data do ano 1992, e axustala ás novas realidades do sector artesán.

A nova Lei está enfocada no impulso á artesanía como actividade económica sustentable e busca protexer a artesanía tradicional e os oficios que están vinculados a certas zonas de Galicia. Ao mesmo tempo, na Lei apóiase tamén a expansión do deseño e da artesanía contemporánea, a inclusión de novas actividades artesanais, a incorporación de novas vocacións que permitan o relevo xeracional, a creación de sinerxías con outros ámbitos e a profesionalización do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2023