A Xunta executará ou activará máis de 60 M€ en investimentos nos vindeiros doce meses no Concello de Vilagarcía de Arousa
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra concretou que os principais investimentos serán a rede de saneamento e os servizos de depuración, o centro de saúde, a modernización do novo CIFP Fontecarmoa e as melloras portuarias e de infraestruturas, entre outras, ata alcanzar un mínimo de 1.600 € por habitante
“A Xunta de Galicia ten un compromiso firme e constante co desenvolvemento dos concellos de Pontevedra e loxicamente co de Vilagarcía, como terceira cidade da provincia”, garantiu Luis López
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe que o Goberno galego está a executar ou activar investimentos por alomenos 60,4 millóns de euros nos vindeiros doce meses no Concello de Vilagarcía de Arousa, segundo se analizou na sesión mensual de marzo da Comisión de Coordinación da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, celebrada hoxe no Espazo Xove da capital do Salnés.
“A Xunta de Galicia ten un firme compromiso co desenvolvemento dos concellos de Pontevedra e loxicamente Vilagarcía, como terceira cidade da provincia, é fundamental", asegurou Luis López. Consecuentemente puxo en valor a vintena de actuacións que están en marcha ou que arrancarán entre este ano e o comezo de 2024, no marco do que resta da presente lexislatura autonómica. "Apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías e que amosan o ánimo do Goberno galego para colaborar co seu futuro e coa calidade de vida dos case 40.000 veciños e veciñas de Vilagarcía”, defendeu o representante autonómico, que revelou que estas partidas suporán un investimento mínimo de 1.600 euros por habitante.
O delegado territorial, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, agradeceu a acollida no municipio para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia. No marco desta política de descentralización e proximidade da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín, Marín, Pontecesures, Rodeiro, O Porriño, Portas, Caldas de Reis, Forcarei e Arbo e, desta volta, chegan por segunda vez á bisbarra do Salnés.
Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando as numerosas liñas de axudas autonómicas abertas a prol dos concellos, das asociacións veciñais, do comercio, do turismo e doutros sectores económicos, a fase final do curso escolar e a preparación do vindeiro, a situación sanitaria, os niveis de emprego ou a vindeira campaña de prevención e extinción de lumes forestais, entre outras cuestións.
Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 60,4 millóns de euros que se dedicarán ao Concello de Vilagarcía de Arousa entre o presente ano e o vindeiro, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.
Deste xeito, programáronse, como investimentos inminentes, o comezo das obras do novo centro de saúde, a ampliación da unidade esterilización do Hospital do Salnés, o próximo inicio das obras da rede de saneamento con 10 millóns de euros, a modernización e ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), as obras en marcha en seis centros educativos públicos e o proxecto para a reforma do novo CIFP Fontecarmoa, a actuación de ampliación do Centro Princesa Letizia de Amencer para ampliar 31 prazas de acollida, os investimentos no eido turístico e na mellora, ampliación e modernización de infraestruturas portuarias e pesqueiras, o acondicionamento de pistas municipais, as accións medioambientais ou a aportación para a ampliación do pavillón de Fontecarmoa, que posiblemente se incremente con respecto aos 350.000 euros inicialmente previstos.
Por outra banda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ademais dos importantes investimentos dende Augas de Galicia, tamén proxecta melloras na PO-548 e na reparación de beirarrúas na estrada cara Vilanova e avanza na tramitación para a creación dun aparcadoiro disuasorio e a construción dunha senda peonil en Carril cuns investimentos de 509.000 e 330.000 euros, respectivamente.
“Estamos moi satisfeitos dos investimentos programados para Vilagarcía, xa que somos, de longo e con moitísima diferenza, a administración pública que máis inviste nesta terceira cidade da provincia, e tamén do grao de cumprimento e do cronograma, xa que actuamos con moita axilidade para atender do mellor xeito aos vilagarciáns”, subliñou o delegado territorial.