Rueda salienta a capacidade de Galicia para captar investimentos, grazas á estabilidade institucional, á boa marcha da economía e á posición xeográfica estratéxica
Destaca o éxito da emisión de débeda pública que vén de culminar a Comunidade como unha proba máis da confianza e as certezas que xera Galicia aos inversores
Defende os proxectos auspiciados por Impulsa Galicia e deseñados para identificar as oportunidades do escenario económico actual co obxectivo de que contribúan a crear riqueza e emprego de calidade
Advirte que estas iniciativas transformadoras corren risco de non chegar a bo porto se o Goberno central non axiliza as axudas europeas que precisan
Dá a benvida ás iniciativas emprendedoras que aposten por Galicia para implantarse no territorio e medrar da man da sociedade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a estabilidade institucional, a boa marcha da economía e a posición xeográfica estratéxica son os piares que fan de Galicia unha terra atractiva para o investimento. “Por Galicia paga a pena apostar”, proclamou o xefe do Executivo autonómico. Fíxoo durante a presentación da sociedade público-privada Impulsa Galicia en Madrid, encargada de identificar as oportunidades do escenario económico actual e poñelas ao servizo do progreso da nosa comunidade.
Ofrecer certezas respecto dos fondos europeos
Alfonso Rueda insistiu en que estes proxectos transformadores corren risco de non chegar a bo porto se o Goberno central non axiliza as axudas europeas que precisan facendo xa un reparto xusto, proporcionado e transparente dos Next Generation. Recordou, que no que respecta aos fondos que xestiona o Goberno galego, practicamente están mobilizados ao cen por cen, pero non así os que corresponden aos Perte. Dos 41.000 millóns asignados, hai máis de 28.600 que aínda non se convocaron e outros 7.000 que aínda non teñen un destinatario asignado. Polo tanto, apenas un de cada dez euros destas axudas chegaron ao tecido produtivo.
A carón das iniciativas emprendedoras
O mandatario galego confrontou o modelo da Xunta co de outras Administracións que cuestionan ao empresariado. Fronte a esa política, Alfonso Rueda quixo dar a benvida a todas as iniciativas emprendedoras que aposten por Galicia para implantarse no seu territorio e medrar da man da súa sociedade, xa que advertiu que un país non prospera sen empresarios. Neste senso, salientou as políticas ambiciosas da Xunta de solo empresarial e de darlle prioridade aos proxectos estratéxico, ademais de reivindicar infraestruturas claves para o progreso económico como o Corredor Atlántico Noroeste.