A Xunta promove na Feira do Libro de Boloña máis de 200 publicacións para o público máis novo

O Goberno autonómico leva a Italia un expositor propio para facilitar as reunións de traballo e a actividade comercial dos profesionais galegos
 

O Plan Xeración Cultura centra un dos seus eixes de actuación na promoción exterior a través da participación en feiras internacionais
 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

A Xunta de Galicia participa esta semana na 60ª edición da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (Italia) onde promove as últimas novidades editadas para o público máis novo e facilita encontros profesionais entre escritores e editores. En total, difúndense preto de 200 publicacións, que se suman ao resto de actividades previstas.

O Goberno autonómico conta cun expositor propio con material informativo como o Catálogo do Libro Infantil e Xuvenil 2023, elaborado por Gálix co apoio da Xunta de Galicia que difunde 126 publicacións e 21 editoriais para nenos e adolescentes. A maiores, están presentes no expositor máis de 60 títulos doutras editoriais como Dos Acordes, Medulia, Bululú ou Almacén de Fábulas, entre outras. Habilítase tamén unha zona de reunións para que os profesionais poidan manter reunións de traballo e actividade comercial.

Este ano participan membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), como as ilustradoras Nuria Díaz Berride e Blanca Millán, entre outros, acompañadas por representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

No marco do Plan Xeración Cultura, a Xunta impulsa estas accións de internacionalización onde as feiras do libro acadan un lugar destacado e para as que se habilitan anualmente liñas de axuda para contribuír a que os profesionais asistan a estes encontros. Tras Boloña, a Xunta posibilitará a presenza do libro galego xa nas próximas feiras internacionais de Bos Aires en abril, de Barcelona e Frankfurt no mes de outubro e de Guadalajara no mes de novembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/03/2023