A Policía Autonómica comisa en colaboración con Gardacostas de Galicia 21 quilos de centola, 9 quilos de choco e 3 quilos de bogavante en Marín

Os axentes tramitaron denuncias por diferentes infraccións da Lei de Pesca de Galicia, como a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado ou o transporte da mercadoría sen documentos que avalen a súa trazabilidade e nun vehículo non autorizado

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023 Axentes da Policía Autonómica  da xefatura da Pontevedra, en colaboración co servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron o pasado venres, 3 de marzo, 21 quilos de centola, 9 quilos de choco e 3 quilos de bogavante no porto de Aguete de Marín.

Os axentes detectaron unha persoa que descargaba produtos pesqueiros dunha embarcación e os introducía no interior dun vehículo. Ao inspeccionalo, localizaron no maleteiro catro cestos con centolas, chocos e bogavante e procederon ao seu comiso tras comprobar que o condutor e patrón da embarcación carecía de documentación de transporte da mercadoría.

A Policía Autonómica levantou acta de denuncia pola presunta comisión de diferentes infraccións á Lei de pesca de Galicia, como a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado ou o transporte da mercadoría sen documentos que avalen a súa trazabilidade e nun vehículo non autorizado.

Do marisco comisado, as centolas e bogavantes, ao estar vivos, foron devoltos ao mar, mentres que os chocos foron entregados ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/03/2023