O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta denuncia que a futura Lei de Familias do Goberno central obrigará a retirar o certificado a 2000 familias monoparentais

O Goberno galego presentou alegacións ao anteproxecto que non foi consensuado coas Comunidades Autónomas competentes nesta materia e que tamén elimina o concepto de familia numerosa

A lei estatal recoñece como familia monoparental tan só a aquelas cun só proxenitor ou con custodia exclusiva e sen dereito a pensión de alimentos

Sinala que o texto é decepcionante ao non incluír medidas anunciadas como a ampliación dos permisos de paternidade e maternidade, nin a nova renda universal por crianza, nin os permisos de ata dous meses polo coidado de fillos

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para dar conta do impacto que vai ter en Galicia o anteproxecto da futura Lei de Familias aprobado polo Goberno central o pasado mes de decembro. Durante a súa intervención sinalou que o texto é decepcionante e suporá importantes consecuencias para preto de 2000 familias monoparentais da nosa Comunidade que perderán esta categoría e non poderán acceder aos seus beneficios.

 

O director xeral explicou que este borrador limita o concepto de familia monoparental a aquelas familias cun só proxenitor recoñecido ou cun proxenitor que ten custodia exclusiva e non ten dereito a unha pensión de alimentos. A lei galega recoñece nestes momentos como monoparental a aqueles proxenitores con custodia exclusiva, reciban ou non pensión de alimentos ao entender que se enfrontan aos mesmos problemas de conciliación. De non modificarse esta cuestión, perderán o título de familia monoparental preto de 2000 familias que actualmente o teñen concedido.

 

Jacobo Rey sinalou que Galicia presentou varias alegacións para evitar esta e outras consecuencias da futura Lei, aínda que lamentou que o Goberno central negouse a convocar grupos de traballo coas Comunidades Autónomas para consensuar o seu contido. Así mesmo, tamén se presentaron alegacións pola eliminación do concepto de familia numerosa que afectará a 27.000 familias que teñen o título oficial expedido pola Xunta de Galicia, para a inclusión das persoas tuteladas a efectos de familia numerosa ou monoparental e incluír ás familias acolledoras temporais tamén a estes efectos.

 
 

Ata catro anuncios incumpridos

Por último, o director xeral lembrou que este anteproxecto non recolle varios dos anuncios efectuados polo Goberno central. Neste sentido, sostivo que o texto é decepcionante porque non amplía os permisos de maternidade e paternidade das 16 as 24 semanas, nin inclúe a nova renda universal por crianza de fillos ata os 3 anos, nin tampouco o permiso parental de oito semanas para o coidado de fillos de ata oito anos ou a equiparación das familias monoparentais coas numerosas, tal e como anunciara o Goberno.

Data de actualización: 09/03/2023