O Auditorio Mar de Vigo acolle desde hoxe e ata o vindeiro sábado o XIII Congreso da Asociación española de Vacunología
A Xunta defende un modelo de saúde pública eficiente e pragmático, no que a toma de decisións derive da evidencia científica e dos resultados en sáude
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, puxo en valor as distintas iniciativas e ensaios clínico postos en marcha pola Xunta, como é o caso de GalFlu, Sincigal, Nirsegal e Combogal
Galicia ocupa unha posición de vangarda no ámbito da vacinación, no que conta co calendario máis completo do mundo
Vigo, 14 de outubro de 2026
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, destacou esta tarde no XIII Congreso da Asociación Española de Vacunología a posición de vangarda que ostenta Galicia no ámbito da vacinación, así como a aposta do Executivo galego por avanzar cara a un modelo sanitario cuxa planificación se basee na evidencia científica e nos resultados en saúde.
Durante a súa intervención no Simposio SANOFI: pechando o círculo: como os resultados validan as decisións, Carmen Durán incidiu en que o futuro da saúde pública debe avanzar cara a un modelo máis sostible, eficiente e sobre todo pragmático, avogando por que a toma de decisións conte co respaldo duns resultados predefinidos e un obxectivos acadados.
Nesta liña, lembrou que Galicia foi pioneira á hora de impulsar un sistema de compra de vacinas que ten en conta os resultados e a efectividade real destes fármacos. Así, en 2025 o Executivo destinou 7,2 M€ para adquirir unhas vacinas fronte á gripe, cuxo prezo se axusta á súa capacidade real para reducir as hospitalizacións.
A directora xeral remarcou que a comunidade galega conta co calendario de inmunización máis completo do mundo, un programa de vacinación de carácter dinámico que, ano tras ano, está a ampliar o número de vacinas a administrar, así como os grupos de idade das distintas poboacións diana.
A directora xeral de Saúde Pública puxo en valor as distintas iniciativas e ensaios clínicos que nos últimos anos ten posto en marcha a Consellería de Sanidade. Así, lembrou o ensaio GalFlu, que ratificou a redución das hospitalizacións e a efectividade da vacina de alta carga da gripe; o Sincigal e o Nirsegal, que avalían a efectividade da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial en adultos e menores -respectivamente- ou, o ensaio Combogal, que se encargará de analizar os beneficios da vacina combinada fronte á gripe e a covid entre a poboación maior de 65 anos.
A responsable autonómica pechou a súa intervención avogando polo mantemento dunha estratexia e traballo colaborativo entre a Consellería de Sanidade, as tres universidades galegas e os equipos de investigación, co obxectivo de acadar unha saúde pública que afronte con garantías os desafíos do presente e do futuro sanitario.