O titular de Sanidade inaugurou esta tarde na Illa da Toxa a 11ª edición do Fórum RIES 2026 no que se abordarán os retos e oportunidades que presenta o ecosistema sanitario
Gómez Caamaño pon en valor o Fórum RIES como espazo avanzado de reflexión e intercambio para impulsar o futuro da saúde global desde Galicia
O responsable autonómico salienta que o modelo colaborativo permite impulsar proxectos estratéxicos e transformadores como Xenoma Galicia ou o futuro Centro de Protonterapia de Galicia
O Grove (Pontevedra), 14 de outubro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta tarde na Illa da Toxa a 11ª edición do Fórum RIES 2026, un encontro organizado polo Clúster Saúde de Galicia no que destacou a importancia de intercambiar o coñecemento científico co obxectivo de impulsar o futuro da saúde global desde a nosa comunidade.
Acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, o responsable da carteira sanitaria da Xunta avogou por abordar os desafíos da saúde por riba de límites xeográficos, xa que os retos actuais esixen compartir e construír solucións dun xeito conxunto.
Sobre este particular, Gómez Caamaño puxo de relevo que a comunidade galega aposta por un modelo que conecta aos xestores sanitarios cos seus investigadores, cos seus emprendedores e cos seus pacientes, unha estrutura carente de compartimentos estancos e na que a innovación sanitaria e a colaboración entre os distintos axentes camiñan da man.
“As solucións só funcionan cando se comparten, se contrastan e se constrúen entre moitos”, incidiu o conselleiro, salientando que as alianzas que se crean neste tipo de encontros, acurtan o camiño entre as ideas e a súa aplicación real, unha celeridade, subliñou, da que finalmente se beneficia o conxunto da cidadanía.
O responsable autonómico lembrou que este modelo colaborativo permítelle á Xunta impulsar grandes proxectos estratéxicos dentro do sistema sanitario público, citando como exemplo o Proxecto Xenoma Galicia ou o futuro Centro de Protonterapia de Galicia.
Así, pechou a súa intervención agradecendo ao Clúster Saúde de Galicia a organización dun foro que segue a consolidarse como un evento sanitario de referencia, ao conseguir reunir a preto de 300 especialistas e a máis de 200 empresas, co obxectivo compartido de dar resposta aos retos do presente e do futuro da Sanidade.