A Xunta achegará este ano máis de 1,2 M€ a programas de saúde mental desenvolvidos por entidades sociais

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas animou ás entidades a presentarse a esta convocatoria aberta desde febreiro, e cuxo prazo de solicitude pecha este vindeiro luns

Jorge Aboal visitou as instalacións en Vilagarcía da Fundación Lar, que obtivo na convocatoria de 2022 un financiamento de case 100.000 € para sete proxectos

A posta en marcha do Plan de Saúde Mental de Galicia en 2020 motivou que estas axudas anuais pasasen dos 500.000 € en 2020 a 1,2 M€ neste ano

Vilagarcía de Arousa, 10 de marzo de 2023 A Xunta achegará este ano máis de 1,2 millóns de euros a programas de saúde mental desenvolvidos por entidades sociais. Así o destacou hoxe o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, quen en compañía do xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Flores, visitou a Fundación Lar Pro Saúde Mental. A convocatoria de orde de axudas abriuse o 14 de febreiro e pecharase o día 13, polo que Aboal animou ás entidades a presentarse á mesma.

A Fundación Lar obtivo, na convocatoria de 2022, un financiamento de preto de 100.000 euros para sete proxectos, facendo posible que esta entidade poida seguir afianzando o seu labor en favor desta comarca, polo que o director xeral lles agradeceu o seu traballo.

Entre as iniciativas financiadas por Sanidade desta Fundación están a realización de obras para un aula formativa, ou o proxecto “Un intruso no meu cerebro”, así como a iniciativa Vixilantes de Axuda, ou o seu programa de formación e promoción de emprego.

Colaboración tecido asociativo

O Plan Galego de Saúde Mental 2020-2024, posto en marcha pola Xunta, contempla, entre os seus eixos de actuación, a colaboración e a participación de todo o tecido asociativo e das entidades especializadas en saúde mental, o que se traduciu en axudas para o financiamento de programas de entidades sociais relacionadas con pacientes con trastornos mentais. Ao respecto, o Plan motivou que estas axudas anuais pasasen dos 500.00 euros en 2020 a 1,2 millóns neste ano.

A colaboración entre entidades sociais e o Goberno galego contempla outro ámbito crucial, como é o das prazas concertadas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral, así como nos pisos protexidos ou unidades residenciais. A tal efecto, no presente ano, a Xunta vai destinar 9,1 millóns a estes concertos e o obxectivo do Plan de Saúde Mental é chegar aos 9,5 millóns no 2024. Este incremento nos presupostos permitiu aumentar en máis de 150 as prazas concertadas dende 2019, ata chegar as 1.350 actuais.

Novas unidades

Ás medidas sinaladas, cómpre engadir as que Sanidade está a desenvolver xa no ámbito propio do Sergas, como é a creación e provisión de novas prazas de especialistas en saúde mental. Así, o Plan Galego de Saúde Mental prevé a creación de 241 prazas ata o ano 2024, das que o Goberno galego xa contratou a 125 novos profesionais. Neste senso, a Xunta incrementou o investimento anual en persoal de saúde mental do Sergas en máis de 10 millóns de euros.

Grazas a estas contratacións de persoal, a Xunta puxo en marcha novas unidades de saúde mental para adultos en distintos centros de saúde, ata acadar as 41, e creou unidades de prevención do suicidio, e agora cóntase cunha en cada área sanitaria e no 2020 só existía a de Ourense.

Todo este traballo indica que o Executivo galego vai polo bo camiño, no que quere seguir da man de todas as asociacións que colaboran coa Xunta para continuar coa abordaxe desta responsabilidade colectiva, que é o coidado da saúde mental, e que implica por igual a todos, administracións, profesionais, asociacións e sociedade civil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2023