O programa da Xunta ‘Apuntámonos a non beber’ conta este curso coa participación de 138 alumnos de ESO de catro concellos lucenses

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que centros educativos do Saviñao, Sarria, Baralla e A Pastoriza desenvolven este ano o proxecto, que busca previr o consumo de alcohol entre menores de idade

Lugo, 11 de marzo de 2023

Un total de 138 estudantes de ESO de catro centros educativos da provincia de Lugo participan este curso no programa da Xunta Apuntámonos a non beber, que ten por obxecto previr o consumo de alcohol entre os menores de idade.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explica que esta edición desenvólvese nos Centros Públicos Integrados (CPI) Dr. López Suárez do Saviñao, Nosa Señora da Asunción de Sarria e Luis Díaz Moreno de Baralla, así como no IES Fonmiñá da Pastoriza.

Ao longo do curso acollen charlas e intervencións de profesionais do ámbito sanitario dirixidas aos rapaces, ao profesorado e ás familias, coa finalidade de previr que os mozos e mozas destas idades tomen alcohol e atrasar o inicio do seu consumo. As próximas xornadas programadas serán o 24 de marzo en Sarria, o 29 na Pastoriza e o 30 en Baralla (O Saviñao xa acolleu unha conferencia a principios deste mes).

Nestas sesións abordan cuestións como a definición de adición, as consecuencias de beber alcohol na saúde, os riscos que implica, as recomendacións da OMS, o problema social que supón, a lexislación vixente en Galicia arredor deste tema, os mitos que existen e o papel das familias á hora de inculcar hábitos de vida saudables.

Así mesmo, cada aula participante elabora un traballo en equipo que consiste na preparación dunha campaña de contrapublicidade do consumo de bebidas alcohólicas ou enerxéticas en calquera soporte (pode ser o deseño dun slogan, unha páxina web, un perfil nalgunha rede social ou ben outras propostas). Ao final, haberá un premio para os tres mellores proxectos.

Enmarcado no Plan Proxecta

Arias explicou que 26 centros de toda Galicia están a participar este ano no programa Apuntámonos a non beber, que desenvolve a Consellería de Sanidade no marco do Plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O Plan Proxecta inclúe no curso actual 45 programas educativos diferentes que están en marcha en centros da Comunidade, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade.

Data de actualización: 11/03/2023