A UE selecciona a Galicia como exemplo de coordinación do Pacto das alcaldías polo clima e propón extrapolar o seu modelo a outros países
O IEECP pretende trasladar o modelo de gobernanza multinivel que desenvolve a Xunta a Francia, Italia, Croacia, Portugal, Bulgaria e Romanía
Galicia conta xa con 285 concellos adheridos a esta iniciativa, dos que o 87 % xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable para o que contaron con 1,3 M€ en axudas do Goberno galego
A Unión Europea selecciona a Galicia como exemplo de coordinación do Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía e propón extrapolar o seu modelo a outros países, tal e como lle trasladaron representantes do Instituto para a Política Europea do Clima e Enerxía (IEECP) á directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, nunha reunión que mantiveron recentemente por videoconferencia.
No marco do proxecto NECPlatform, financiado con fondos LIFE, o IEECP seleccionou a coordinación que desenvolve a Xunta do Pacto das Alcaldías como exemplo de boas prácticas de gobernanza multinivel co obxectivo de trasladar esas estruturas a Francia, Italia, Croacia, Portugal, Bulgaria e Romanía no marco da actualización dos plans nacionais integrados de enerxía e clima.