A Xunta imparte cursos sobre o aproveitamento da auga na extinción de incendios forestais

A primeira edición da iniciativa xa se impartiu na base de avións de Antela, en Xinzo de Limia, e mañá celebrarase outra no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude

A acción está dirixida a técnicos e axentes ambientais do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023

A Xunta está a impartir diversos cursos de aproveitamento da auga na extinción nos incendios forestais. O primeiro foi na base aérea de Antela, en Xinzo de Limia, e a próxima edición será mañá en Boqueixón, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

 

A temática do curso -dirixido a técnicos e axentes ambientais do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais- xira arredor do aproveitamento da auga, de cara á extinción dos lumes, co obxectivo de economizala ao máximo. A utilización da auga é fundamental dende que comeza o incendio, xa que hai que transportala ata a fonte das lapas para poder sacarlle o máximo partido.

 

Neste sentido, o bo uso das motobombas é básico, xa que serven para trasladar a auga e lanzala a presión, ben sexa soa ou mesturada con produtos que retarden a propagación do lume. Enténdese por motobomba o vehículo, os seus equipos e as persoas que o manexan, que conforman unha unidade que pode traballar por si mesma ou en colaboración con outras.

 

Deste xeito, os técnicos e axentes ambientais que asisten reciben nocións sobre os piares fundamentais da extinción de incendios, como as situacións de operatividade do vehículo motobomba, con leccións sobre a súa mobilización, estacionamento coa súa correspondente posición de traballo, situación de espera e incluso retirada.

 

Neste curso tamén se indaga na figura dos retardantes ou escumantes, que axudan a ralentizar a propagación do lume, con nocións sobre as porcentaxes nas mesturas e a súa aplicación; así como no cálculo de tendidos, hidráulica da bomba, bases físicas do uso da auga e manobras de autoprotección.

 

Este curso impartirase tamén en Pontevedra, no instituto de Formación Profesional A Xunqueira, e en Lugo, na base aérea de Doade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2023