O DOG tamén recolle hoxe a aprobación do expediente de información pública para executar estes aparcadoiros, que ofrecerán en conxunto un total de 154 prazas de estacionamento

A Xunta publica a aprobación do proxecto de dous aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido en Marín e Nigrán cun investimento de case de 1,3 M€

Executarase un aparcadoiro de 82 prazas na zona de Ameal, nas inmediacións da Variante de Marín e da vía provincial EP-1202, e outro de 72 prazas en Nigrán, no enlace da PO-340 coa autoestrada do Val Miñor


O aparcadoiro de Marín incorporará unha marquesiña para facilitar o acceso ás liñas de autobús, atendendo a petición do Concello


Os estacionamentos disporán de prazas reservadas a persoas con mobilidade reducida


A Xunta segue avanzando nos proxectos promovidos ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas contornas das cidades e vilas galegas, aos que se destinará este ano un investimento de 29,3 M€
 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de  trazado para a execución de dous aparcadoiros disuasorios para o fomento do vehículo compartido, asociados á implantación de zonas de baixas emisións, nos concellos de Marín e Nigrán.

Esta actuación da Xunta, que suporá un investimento de case 1,3 M€ impulsa a execución destes dous aparcadoiros disuasorios, que ofrecerán en conxunto un total de 154 prazas de estacionamento.

A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 23 de febreiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública destes dous proxectos. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/BtMQYK

En concreto, o aparcadoiro que se impulsa no municipio de Marín localizarase na contorna do núcleo de Ameal e contará cun investimento de 610.630 euros.

 

Esta actuación, nas inmediacións da Variante de Marín (VG-4.4) e da vía provincial EP-1202, disporá dunha superficie de 3.000 m² e dun total de 82 prazas, 79 en batería e 3 en liña. Tres desas prazas serán para persoas con mobilidade reducida e haberá preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

As prazas de aparcadoiro terán unhas dimensións de 2,5 por 5 metros, mentres que os carrís de circulación interiores disporán de 4,2 metros de anchura cun só sentido de circulación. Paralelamente, haberá itinerarios peonís de 1,8 metros de anchura para garantir unha mobilidade segura no seu interior, zonas de arborado e alumeado público e, no bordo, as correspondentes beirarrúas.

 

Ademais, a petición do Concello, o proxecto incorporará a disposición dunha marquesiña para facilitar o acceso e espera das liñas de autobús neste punto.

 

O segundo aparcadoiro proxectado habilitarase en Nigrán, concretamente no enlace da estrada PO-340 coa autoestrada do Val Miñor e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar.

 

Este aparcadoiro disuasorio, con 72 prazas e un investimento de preto de 685.000 euros, reservará 2 prazas para persoas con mobilidade reducida e disporá da preinstalación para 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 

Este novo aparcadoiro, que busca facilitar o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos coches no centro da vila, situarase na zona próxima ao punto quilométrico 8+800 e contará cunha superficie total de 3.500 m². 

 

Contará, ademais, dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único.

 

No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo.

 

Estas actuacións forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles, aos que destinará este ano 29,3 M€.

 

No marco destes proxectos, a Xunta inclúe os aparcadoiros disuasorios, as sendas nas contornas das grandes cidades, a mellora da seguridade e da accesibilidade nas paradas de autobús nas estradas autonómicas ou os investimentos nas estacións intermodais, como a da Coruña, agora mesmo en execución.

Data de actualización: 14/03/2023